Opinión

Estremas e extremos

As estremas son problemáticas. Pode que un veciño da propiedade lindeira mova o marco -un clásico- ou chante un poste onde non debe. Así a súa estrema auténtica deixa de selo e vai quedando “centrada” na súa finca mentres “desaparece” a estrema do veciño. Para evitalo -e non chegar ao tradicional sacho/cabeza- hai muros, gabias, valados... Pero no mundo das ideas élles ben máis complicado pola importancia absoluta das posicións relativas. Na época da transición, a Blas Piñar parecíalle Adolfo Suárez un roxo perigoso porque trataba de “destruír a obra de Franco”. E erraba no cromatismo, pois só era unha persoa adaptable que abría ventás entaladas desde dentro coa colaboración dos que empuxaban desde fóra para que entrase o aire do futuro. 

En fin, que na pre e protodemocracia había, como pasa sempre, ducias de partidiños. Por exemplo, da extrema esquerda: trosquistas, LCR, LC, PORE, PST...; marxistas-leninistas, PCE(ml), PCE (r), PT, ORT, MC, OCE(BR), PCOE, PCT... Da extrema dereita, case só FN e outros raros, como Falanxes (había tres ou catro) e Carlistas (outros tantos), aínda que algunhas ramas pretendían ser do outro lado. Un galimatías. E a democracia chegou do consenso de dous partidos de dereitas, a UCD e AP, e dous de esquerdas, PSOE e PCE. A eles arrimáronse logo as persoas que tiñan vocación e superaran o acné extremista. E fóra do parlamento quedaron os extremistas de dereitas e de esquerdas, agás casos con compoñente nacionalista, como HB. 

Despois España avanzou un par de décadas orgullosa da súa Transición, de que os asasinados na praza de touros de Badajoz, ou no Furriolo, ou en Paracuellos, descansasen no afecto colectivo grazas aos pactos dos netos dos defuntos; honrar mortos, recoñecer dereitos aos poucos mestres e funcionarios republicanos que quedaban e pasar páxina. A nova democracia, claro, nin foi nin podía ser neutral e os valores democráticos da Constitución da II República foron os que se impuxeron. Da parte do franquismo, co ferrolán defunto, os máis túzaros -tipo Blas Piñar ou Girón- quedaron fóra de xogo, e os xestores da Transición foron xentes novas que usaran o aparello estatal para medrar, tipo Adolfo Suárez, conscientes da necesidade do cambio. Os novos dirixentes socialistas, Felipe González e Alfonso Guerra, máis herdeiros da parte besteiriana que de Largo Caballero, e nin falar da do fundador do FRAP, Julio Álvarez del Vayo (readmitido por Zapatero no PSOE a título póstumo en 2009), promoveron o reto da concordia e acabaron xestionando a modernización do país ao tempo que absorberon ao mellor dun PCE que se aviñera encantado ao borrón e conta nova. 

E chegamos á situación rara de hoxe en que se trata de espallar un imposible xeométrico: que hai extrema dereita sen que exista extrema esquerda. Así, apareceu o eufemismo suavizante “as forzas á esquerda do PSOE” mentres se recrúan os disfemismos insultantes “ultra” e “extrema” para Vox e, incluso, o PP. 

A vista de dron non parece unha situación tan distinta á da primeira democracia: dous partidos hexemónicos que deberían ser os máis centrados -PSOE e PP- e dous acompañantes a cadanseu lado -Sumar e Vox- que turrarían para aquí ou para acolá. Acatando todos a democracia, que uns queiran acabar coa monarquía e outros coas autonomías, e incluso que usen distintos cualificativos para a violencia contra as mulleres, son posicións políticas, como todas, discutibles. Outra cousa é que levasen no programa deceparlle o pescozo ao rei ou animar os homes a que lles zosquen ás mulleres. Pero non o é tal. Así, pois, como dicía Siniestro Total en 1992, “ante todo, mucha calma”. 

Te puede interesar