Opinión

O éxito de Chévere e Prado Lameiro

Ooutro día fun ao Principal. Vin a obra de teatro “Eroski-Paraíso” da compañía Chévere. Actuaban, nos seus papeis principais, o grande Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo como a súa exmuller e empregada do Eroski e Cristina Iglesias, a filla estudada de entrambos que andaba en busca da súa identidade, logo de vivir entre Muros, as Canarias e Barcelona. Ben. Moita risa, moito éxito de público, se cadra única “romana” para pesar o éxito. 

A trama é simple. Unha filla de hoxe trata de facer unha peliculiña -debe estudar audiovisuais ou así- sobre como se coñeceran alá nos oitenta seus pais,hoxe separados, nunha discoteca das terras de Muros, “O Paraíso”, que logo se convertiría nun hipermercado. A reflexión sobre o cambio das formas de vida que, sen dúbida, subxace na obra, está trufada de gags de humor nos que a alternancia e mestura de linguas xoga un papel non pequeno. O fío principal deles é a actitude da nai, Patricia de Lorenzo, que non só fala case sempre nun castelán deficiente e agalegado, o que é motivo constante de risas empáticas do público, senón que representa a muller escéptica pero sen acritude ante todo o que a rodea. E a min, que queren que lles diga, lembroume o teatro de éxito de Xavier Prado Lameiro. As mesmas constantes, as mesmas claves -humorismo, identidades, alternancia de códigos...-, pero situadas en cadanseu tempo. Se onte era o soldado que volvía da mili ou o americano, de Cuba, fronte ao zapateiro que era a tradición, hoxe é a nai repoñedora ou peixeira do Eroski de carácter simple, fronte á filla que busca raíces. 

En fin, onte o teatro que funcionaba socialmente era do de Prado Lameiro e non o de Vicente Risco -o Bufón d-El Rey é algo moi valioso pero afastado da sensibilidade do pobo- nin o de Otero Pedrayo -A lagarada, outro tanto-. Hoxe, o teatro que enche salas, algo raro en galego, é o que fai pasar o tempo, rir e, despois, como pouso, se cadra, pensar. Ao revés non pode funcionar a cousa: prodúcese ese empacho de ideas que afastou a moita xente de todo o que lle cheire a reivindicación galaica. En fin, e perdoen que lles insista, creo que Xavier Prado Lameiro é figura a revisar e recoñecer como o autor que soubo atraer e empatizar cun público fiel, e cómpre valoralo na súa xusta medida. Desde que Marcos Valcárcel publicara en 1995 a súa obra completa baixo o patrocinio do Concello -alcalde Manuel Veiga Pombo- con interesantes estudos de Marcos e de Begoña Muñoz; e desde que Delfín Caseiro repetira, co seu estudo introdutorio propio, a publicación da obra completa, pero en facsímile, co soporte económico da Deputación, en 2013, temos ferramentas moi accesibles para un novo acceso á obra.

E ollo, non sería mal momento este ano. Hai dúas datas. O vindeiro 18 de febreiro cúmprense 100 anos da recuperación, co impulso fundamental de Xavier Prado, d’O Tío Marcos da Portela, voceiro do, chamámoslle, “galeguismo popular” continuador de Lamas Carvajal, e superado logo, intelectualmente, pero non en conexión social, pola revista Nós (1920). (Redacción inicial na Rúa de Arcedianos 13, e imprenta La Región, en Alejandro Outeiriño, dous sitios para unha placa posible.) E o día 26 de decembro fanse os 75 anos da morte de Xavier Prado Lameiro. Datas para celebrar vida, éxito, compromiso e humor. 

Te puede interesar