Opinión

De que falamos ao dicir democracia?

Obádminton é un deporte. A natación, outro; húmido. A hípica, con cabalo e moita soleira. O atletismo é, se cadra, o máis antigo: o home fronte ao esforzo, sós. O fútbol, grande negocio universal, ten raíz deportiva tamén. E da Fórmula 1 fálase nas seccións de deportes dos telexornais e, ás veces, nas de sucesos. Ou sexa que cando falamos de deporte referíamos a realidades radicalmente distintas que teñen en común algunhas cousas: competencia, aleatoriedade, habilidade, esforzo físico, etc.


Se cadra cando falamos de democracia pasa algo parecido. Referímonos só a iso de elixirmos representantes  para organizaren as cousas comúns e situárense á cabeza da comunidade. Ou sexa, escoller aos capataces.  E neste tempo de información globalizada e  moitas eleccións no mundo, quedariamos sorprendidos da escasísima semellanza de métodos de selección. Como deportes distintos. Algúns parécense como o fútbol americano e o rugby europeo. Outros nin iso. E claro, sempre hai evolución das regras, os deportes adáptanse ás novas realidades sociais e tecnolóxicas: a moviola xa funciona no hockey americano, e a partir da temporada 17-18 seica está autorizada no fútbol europeo pola FIFA, como xa o foi o control da liña de meta.  Pero  nas democracias é complicado facerlle retoques aos sistemas porque entre os axentes que participan hai intereses opostos. Se un quere que o sistema electoral favoreza maiorías para facilitar gobernos, outro estará moito máis interesado en que as minorías teñan máis voz e máis peso.  


Unhas curiosidades de varios sistemas. En Gran Bretaña hai 600 circunscricións e cada unha elixe un só deputado para a Cámara dos Comúns  porque a Cámara dos Lores -tipo o noso Senado- non é electiva senón de designación real ou incluso herdada. En Alemaña, os electores emiten dous votos, un para metade dos parlamentarios, directamente a unha persoa da súa xurisdición, e outro para un partido, que precisa un mínimo do 5%  no cómputo global dos 16 landers para entrar no reparto. Logo hai unha serie de complicadísimos cálculos matemáticos para as asignacións. En Grecia, cómpre un mínimo de 3%  de votos en todo o territorio  para entrar na Cámara (con estes corte en España non entraría ningún nacionalista no parlamento español) e cun bono regalo de 50 deputados (en total son 350) para o que quede de primeiro. E danlle tres días para formar goberno ao gañador, ou pasa ao seguinte, outros tres días, e  outros tres ao terceiro, ou directamente eleccións en nove días. En Turquía é preciso un alucinante 10% dos votos globais para ter representación. En Francia, na Asemblea Nacional, as eleccións son en 577 distritos para cadanseu deputado, a dúas voltas. Se na primeira saca o primeiro maioría absoluta de votos  ou máis do 25% do censo, sae directo; senón, segunda volta, normalmente, entre os dous máis votados, aínda que, caso raro, se hai varios con apoio superior ao 12,5% do censo pode haber máis de dous.

En Estados Unidos, a elección dos 270 compromisarios que escollen o presidente, repártense por poboación de estados (de 55 California a 3 de Wyoming) e  todos os representantes vai ao mesmo, ao que gaña, inda que sexa por un voto. 
En fin, que cando falamos de democracia falamos só de liberdades públicas, de división de poderes e de elixir aos que mandan. Así, en abstracto. A forma en que se faga, vai por tradicións. Todas cos seus pros e os seus contras.
 

Te puede interesar