Opinión

En favor do IVA

A verdade é que cando alguén me pregunta: “Con IVA ou sen IVA?” danme ganas de contestar, “Pois nin con el nin sen el. Xa non lle pago, ala! Escolla vostede: Con denuncia ou sen denuncia?” Se cadra parece algo estrito de máis, pero se fixésemos así, seguro que se reducía o feo e aceptado costume do sise impositivo do común, unha forma, non nos enganemos, de corrupción popular. Copian os de abaixo dos de arriba ou viceversa? Ou copian todos? Obviamente non é o mesmo, pero cada un é corruptible ou non, no nivel que ocupa e non noutro. Pero non vou por aí, por esas cousas tan complicadas. Vou simplemente polo nome, non polo concepto: Non me gusta a sigla IVE. En galego adoitase transcribir o “Imposto de Valor Engadido” por tradución directa do castelán “Impuesto de Valor Añadido”, aínda que en toda Hispanoamérica utilizan “Impuesto de Valor Agregado”. E miren que cousas, en portugués usan tamén IVA, que para eles é sigla de “Imposto sobre o valor Acrescentado” ou agregado, tamén. En Italiano din, que cousas, din IVA, “Imposta sul valore aggiunto”. Ou sexa, sobre o valor “axunto, axuntado”. Os cataláns, pola súa banda, din IVA, “impost sobre el valor afegit”, algo así como “valor afixado”, creo. Como vemos, a maioría das linguas latinas, conflúen simplemente en IVA, procurando a adaptación da idea de “engadido” entre os moitos sinónimos que empezan por a, e manter así a máxima coherencia posible das siglas a nivel europeo ou mundial. (Outras linguas latinas, como o francés –sempre tan seu- e o romanés, sempre tan seguidista do francés, en vez de “imposto” usan Taxa, e manteñen así, a súa TVA, “Taxe sur la valeur ajoutée». Como sabemos, os ingleses usan unha sigla moi parecida, só que construíndo ao revés, como adoitan facer. Por iso din VAT, que é « Value Added Tax ».

Chegados a este punto, creo que o de dicir IVE non ten moito xeito. Parece que somos lingua sen familia. Todos na nosa casa latina, tiran polo IVA ou polo TVA facilmente comprensible e asimilable. As de pouca familia, usan nomes raros. Os alemáns dálles por dicir, mi madriña, «Mehrwertsteuer” e fan unha sigla tamén difícil “MwSt.”, os vascos, non ían ser menos, e chámanlle pola curta, BEZ que desenvolto é algo así como “balio erantsiaren-gaineko zerga”. En fin, convirán é que a forma IVA é a lóxico. As normas falan da coherencia e harmonía coas linguas próximas, da familia.

Pero hai outra cuestión. A sigla IVE xa está cuberta na actual praxe das linguas latinas de España, castelán, catalán, galego. Como saben todos os relacionados coas cuestións de planificación familiar, o IVE é a forma oficial de dicir aborto voluntario, por extenso, Interrupción Voluntaria del Embarazo (do Embarazo ou d’el Embarass). Claro que tamén din algo parecido noutras linguas da familia en función de si usa a palabra « grávida » ou semellantes (portugués, italiano, francés, IVG) e curiosmente en inglés, VIP, que non sería neste contexto «very important person», senón simplemente Voluntary interruption of pregnancy ». Curioso, desde logo.

Te puede interesar