Opinión

Festas: datas e localizacións

Creo que podemos descartar aconsellar ao consistorio de Vigo cerrar a rúa García Barbón ou a Praza de España ao redor da escultura ascendente dos cabalos de Oliveira para montar barracas e coches eléctricos, cando lle cadren as súas festas patronais. Tampouco deberiamos suxerir a Lores que en Pontevedra pechase a estrada da beira da ría, ao lado do mercado, por exemplo, para os caballitos e tómbolas. Nin sequera comentar a Pepe Bugallo que en Santiago poden montar as atraccións pechando a estrada enfronte do Corte Inglés, ao pouco da saída da autopista, porque iso xa o facemos nós, pechar a entrada á cidade ao lado dos Remedios, un disparate. Onde deben ir as festas non o sei, pero si onde non. Se cadra no Xardín do Posío sería un xeito de facer pasear aos ourensáns polo núcleo histórico -négome a chamarlle “casco vello” que non estou falando de botellíns de Sanmartín ou El Aguila-. Se cadra noutro sitio. Xa digo que non o sei ben.

E o tema das datas móveme a varias reflexións. A primeira ten que ver co devecer das festas “puras”. Ou sexa van para riba a Festa da Istoria de Ribadavia, a Arribada de Baiona, o Esquecemento de Xinzo, o Arde Lucus de Lugo... e en xeral as que teñen que ver con recreacións históricas ou motivos específicos -tipo feiras do viño ou similares-. E as outras, as “normais” van para abaixo -fóra a París de Noia, a Panorama e o Combo Dominicano-, pois agora hai moitas ofertas de ocio constante para os rapaces. A nós facíanos moita ilusión ir ás barracas porque o mundo era gris. Outra reflexión é que hai lugares máis festeiros que outros. Lugo, outra vez o exemplo, ten dúas megafestas que deixan moita vida: o Arde Lucus e o San Froilán. Varias veces teño clamado por unha festa histórica de noso, ao redor, sería de pensalo, do mundo romano. Habería que tecer un discurso teatralizable, pero os vimbios parecen axeitados.

E imos coas datas. Sintetizarei a historia ao máximo. As máis antigas, ben documentadas desde o século XV, eran, como corresponde a unha cidade moi vinculada ao bispo, as do Corpus. Aí había unha Coca como a de Redondela, as confrarías cos seus bailes de espadas, etc. Pero desde finais do XVI, poucos despois da construción do Hospital de San Roque e de que este seica librara á cidade da peste, o Concello empezou a organizar festas nesa data. E uns turraban cara o Corpus -máis relixioso- e outros ao San Roque -máis do concello-. Total que andando o tempo, o Concello, nos comezos do XX, desistiu e volveu ao Corpus porque o San Roque cae a 14 de agosto e a xente ou ben escapaba do forno ou ben morría de calor. Por outra banda, as festas populares movíanse “de seu” á marxe da organización e á penas deixan rastro na documentación. Falamos do Entroido, do San Lázaro, dos Maios, dos Remedios, do Magosto. Sen dúbida hoxe é o Entroido a festa popularmente máis grande da provincia e cómpre que a cidade exerza o liderado. E os magostos son unha festa popular iniciática da xuventude que quere pouca organización. Para ser festa central da cidade ten o inconveniente das datas de novembro avanzado e que refraneiro nos advirte que “entre Santos e Nadal, inverno caroal”, ou sexa días curtos e fríos. En fin, para min que dado que o Entroido está consolidado e os magostos van de seu, se cadra conviña centrarse nesa invención dunha festa histórica de sete estralos de romanos, e contando coa participación das agrupacións das lexións que van de festa en festa. Cumpría darlle o toque “de noso”, unindo ouro, auga quente e a Ponte Romana. Especialistas en festas, festeiros profesionais, tamén os hai.

Te puede interesar