Opinión

Filomeno, a mi pesar


Coincidín con don Gonzalo Torrente Ballester tres veces. Unha foi no salón de actos dos Salesianos de Ourense, traído pola dirección pensando nos alumnos de COU, tal que no curso 1983-84, e lembro a data porque foi o único curso no que din clases -e encantado- nese centro. A outra foi máis persoal. Un verán de hai bastante tempo, se cadra trinta anos, Carlos Casares convidoume, aproveitando que eu andaba por Praia América, á tertulia que mantiñan ao seu redor no Monterrei de Baiona. Así que alá fun. Subín as escaleiras e senteime na mesiña cabo deles, ao pé dunha ventá que dá á rúa. Se me non engana a memoria, hai alí unha plaquiña que lembra aquelas xuntanzas. Cando Carlos me presenta, insiste no meu apelido raro por ver se coñecía don Gonzalo á familia. Para a miña sorpresa preguntoume se era parente de Juanito Monjardín, o xogador de fútbol que fora estrela do Real Madrid e especialista en remates de cabeza nos anos vinte. Incluso entoou unhas estrofas que lle cantaban os domingos no campo. Foi cousa simpática. A terceira ocasión mellor non lembrala, pero asegúrolles que tampouco perden nada. 

E si, claro, o título deste artigo (Filomeno, a mi pesar) correspóndese cunha preciosa novela de don Gonzalo, Premio Planeta 1988. Como leva por subtítulo “Memorias de un señorito descolocado” está claro de que vai. E por se aínda non a leron, permítanme recomendarlla nestes días nos que se celebrou o vinte e cinco aniversario da morte de don Gonzalo. E o motivo da miña ousadía é intrascendente e curioso. Sen facer de destripacontos -horrorízame o anglicismo spoiler- coméntolles que unha boa parte da obra transcorre nun recoñecible, aínda loxicamente que recreado, Ourense. E os tempos son os que van desde finais do século XIX ata despois da Guerra Civil. E para disfrazar un pouco o nome, chámalle “Villavieja de Oro”, aínda que por algunha anécdota contada -seguramente transmitida por Prego, o pintor, seu amigo- e outras cousas, recoñecemos Ourense. O protagonista, por quedar orfo de nai no parto é educado entre pai e avoa materna, que pertencen a dúas culturas e teñen dúas formas de ver o mundo opostas. Polo pai, liberal, esforzado, moderno e abastado señorito de pazos, deputado, ourensán, apaixonado do ascenso social, leva o nome de Filomeno Freijomil. Para a avoa materna, unha rica fidalga portuguesa moi tradicional, moradora nun “paço” entre Caminha e Viana, será sempre Ademar (o seu segundo nome, o do defunto avó materno) de Alemcastre (o apelido vinculado ao pazo portugués). Así pois, esa dicotomía de nomes non é allea aos espazos físicos -urbano cidadán ourensán, natureza rural de pazo portugués- e aos educativos, sensitivos e de relacións. O protagonista vive na dúbida, no desacougo, e sobre ela tece a novela don Gonzalo. “Filomeno, a mi pesar” contesta el cando lle preguntan a súa graza, pois non lle gusta o nome. E chámase así en Villavieja de Oro e en Madrid onde estuda. Pero será Ademar Alemcastre en Portugal ou nas saídas a Francia e Inglaterra. De vellas raíces medievais inglesas (Alemcastre seica viría dos Lancaster ingleses alá asentados), a familia portuguesa é moi filobritánica, tradicionalista e moi da vella usanza.

En fin, se lle queren facer unha homenaxe a un dos mellores escritores da historia de Galicia, a única persoa na que se debe pensar cando oían “Torrente”, pois lean este libro. Se cadra inda mo agradecen. E que lles preste. 

Te puede interesar