Opinión

Franco está en Palma de Mallorca!

Sempre digo, para pasmo dalgúns, que Franco me parece unha figura histórica atractiva. Pola súa vida de novela e polas súas contradicións. Un tipo como el, xogantín, barallán, botaporela, arrichado, aventureiro, non podía ser ruín de todo, aínda que tomase algunhas decisións equivocadas. Ese temperamento de reviravoltas cadra bastante ben coa súa condición de aviador na terceira década do século XX. O feito de que Ramón Franco cruzase o Atlántico en 1926, no Plus Ultra, fixo encher de orgullo aos galegos da Arxentina. Os berros de Viva Franco oíronse en todas as sociedades galegas do río da Prata; por fin, un paisano era admirado pola sociedade arxentina.

Eduardo Blanco Amor, organizador de parte das homenaxes na chegada, publicou na ocasión, na primeira páxina do xornal bonaerense “La Nación” -o máis importante de fala hispánica do mundo, naquela altura- un artigo titulado “Noso, noso”. Claro que ser un crápula, víñalle de caste. Seica o pai, Nicolás, abandonou a familia e marchou vivir a Madrid cunha moza. En fin, este Ramón foi un tipo curioso: conspirador a favor da república, exiliado en Portugal despois de esparexer por Madrid panfletos desde o aire, deputado por Esquerra Republicana de Catalunya nas cortes da II República... E tivo un irmán pequenote, rabudo, con voz de pito que tamén era moi coñecido nos comezos dos trinta por ser o xeneral máis novo. E despois fíxose mundialmente famoso por cousas ben peores: apuntouse sobre a marcha a un golpe militar que acabou en guerra, que era onde el estaba cómodo; e despois nunha ditadura fea, longa e pegañenta.

Ben. Agora tócalle a este irmán do aviador cambiar de burato. Ao desenterrar a súa memoria resucitaron a lembranza duns tempos que era mellor esquecer. Si. Os actores da transición, sen prexuízos, sabían que sen teren todos as mesmas culpas, non había almas puras. Mellor, sen dúbida, esquecer -dereito que pedimos para as vidas nas redes- esquecer, digo, o que fixeran os pais e avós en Badajoz ou Paracuellos, por dicir algo sucio, e mirar adiante. Durante unhas décadas, os nenos xa nin sabían quen era nin onde estaba Franco. Soáballe a canción infantil , e sabían que “tiene el culo blanco...”. A damnatio memoria, desprezo do paso do tempo. Ben. Agora considerouse que había que sacalo de alí... Creo que tería sido mellor pola calada: primeiro unha farrapeira por riba da lápida para que non se vise; uns meses. Logo, no medio dunha limpeza xeral, asubiar mirando a cúpula, catro homes, unha pata de cabra, un pau ferro, un par de rodillos, unha bolsa de plástico... e malo sería que non topasen un lugar onde botar o cisco. Pero agora xa está. Marcha que ten que marchar. Pois vale. Pero o de levalo onda a muller non sei se será un castigo a maiores. 

O que non se barallou foi facelo viaxar e Mallorca, e se cadra non era mala cousa. Alí, no Panteón da aviación, espera seu irmán Ramón para facer as paces: falloulle o aparello durante a guerra... e inda houbo quen viu por tras a man do pequenote. Nunca se soubo. Podían agora reconciliarse. Tempo habíalles sobrar. Tampouco se valorou facer unha “güija”: “A ver, Paco, onde queres ir? Coa muller ou co irmán? Ou a Ferrol, a facer un parque temático?”. E se non di nada, é que tanto lle ten; pois logo, incinérase e aprovéitase como abono... Iso que coa de química que lle meteron ó final, non sei, non sei.

Te puede interesar