Opinión

Galeguismo e upg

O galeguismo foi, naturalmente, un movemento conservador e progresista, pois quería conservar identidade e facer progresar o país. Tanto é así, que en decembro de 1931, cando se unen para formar un partido, escollen chamarlle Partido Galeguista e non Nacionalista, por ser máis amplo e porque nacionalismo soaba mal, con acento alemán e italiano. Se un le o manifesto fundacional da revista “Nós”, por exemplo, vese como teñen vocación de atraer a todos á obra de construción da identidade moderna, máis á esquerda ou máis á dereita, e separaban cultura de política. Por iso, Alexandre Bóveda saudou agarimoso o nacemento da Dereita Galeguista de Filgueira, Risco e Beiras –pai- en “A Nosa Terra”; e Castelao, no “Sempre en Galicia”, non esparexeu rancor: oito veces fala de Vicente Risco para seguir as súas teorías e aínda que na primeira diga iso de “... escrito por Risco en 1920, cando Risco era alguén”, non vai máis alá. Non escarneceu, tampouco, a Euxenio Montes, a Álvaro Cunqueiro, a Filgueira Valverde... E por que o Castelao que critica coa máxima dureza aos incompetentes dirixentes republicanos non ataca aos “irmáns” colaboracionistas? A súa bonhomía, o seu cristianismo, lévano a non esquecer eses fíos comúns que nalgún momento cumpriría restaurar. E por iso mesmo Filgueira ofrece traballo a Piñeiro cando este sae do cárcere. E esta vontade de atracción e posibilismo que fixera que Galaxia recuperase a Risco, Cunqueiro, etc. e promovese espazos para escritores novos, viuse alterada hai menos de cincuenta anos, cando se esparexeu a influencia da UPG.

A UPG é o Opus Dei do nacionalismo de extrema esquerda, pois nunca se presentou ás eleccións e só traballa por influencias en terceiros. Logo duns anos da súa fundación (ao principio era outra cousa) estrutúrase como organización marxista-leninista e promove un discurso radical exclusivista, un disparatado fronte armado en 1974-75 (saudade do Vietnam en vez de París ou Londres) e lanza os seus raios principalmente contra o galeguismo cultural ou político (Piñeiro, Carlos Casares...), en definitiva contra todo aquel que non admita o seu papel director no movemento de construción da nova identidade galega. Así, creou un estilo malencarado, berrón, nada galego, que seduce a poucos e acabou aborrecendo aos máis, e dando unha imaxe da reivindicación de Galicia afastada da tradición. E formou unha nebulosa de siglas de organizacións sindicais, culturais, ecoloxistas, etc. nas que todo se move baixo as liñas da confrontación permanente e dunha inventada bandeira galega, lixada coa estrela vermella da opresión, prohibida ao igual que a esvástica en boa parte da Europa que coñeceu ambos réximes. E coa división do Bloque da UPG e a Anova de Beiras (e mesmo a residual presenza episódica de Resistencia Galega) aínda se espalla máis esta nefanda asimilación de reivindicación galega e posicións extremas. E entrementes, moitos intelectuais que pensan isto mesmo calaron para viviren na illa da cultura institucional e académica, ao tempo que facían deixación da política nesas mans. Deste xeito, en xeral, o sentimento de identificación da xente coa cousa galega vai para atrás. Paréceme a min.

Te puede interesar