Opinión

Graciñas, maxestades

Que veñan os reis en setembro, sen camelos nin carrozas, e que non lles traian regalos aos nenos parece difícil de explicar aos cativos. Non lles podes dicir que son os de verdade pois descubrirías que os outros son de mentira e non se pode desfacer a maxia. Pero como os picariños teñen moita máis capacidade de absorción, de integración das novidades no seu mundo da que nós lles supomos, pois deseguida o encaixan nesa realidade que organizan momento a momento. E máis ou menos deben pensar que uns son os de verdade e outros, os que traen os regalos.

E eu, a verdade, creo que don Felipe está acertando. Desde logo, moitas veces as cousas adoitan ser menos arrevesadas do que parecen. Moitas conxunturas históricas que semellan abismos en sociedades occidentais de xente madura como a nosa, ao final acaban resolvéndose por física social: as augas avoltas acláranse por decantación e volven ao cauce en canto se deixa de remexer nelas. Con pouca palabra e moita calma. Quen nos ía dicir que a abdicación do rei Juan Carlos se ía resolver dunha forma tan natural e tranquila? Quen nos ía dicir que a actuación de Felipe e de Leticia nestes primeiros meses de reinado estivese atraendo simpatías aquí e alá coa súa discreción e as medidas de transparencia e couto da familia real? O novo estilo está aí. O rei anterior, tamén ben, pois non se sabe nada del. Supoño que o terá preto, por se lle quixese consultar algo, pero os anos de preparación que leva –desde aquel nervioso discurso de neno que lembramos en Asturias á proximidade ao pai o 23 F e a moza lista e espabilada que buscou por si mesmo, como moitas das monarquías europeas actuais- fan que emprenda un camiño novo e propio, como outrora fixo seu pai.

Sen dúbida, mostra de este bo facer é vir inaugurar o curso a Ourense. Por moitas razóns. Velaquí algunhas. Primeiro, porque estamos nunha das nacionalidades históricas con lingua propia: o uso que, seguro, fará do galego, contribuirá a que en España –Cataluña incluída- todos vexan que a xefatura do Estado pode funcionar, con anovadas forzas, como un punto de encontro de sensibilidades. Segundo porque o Ben Cho Shey é un centro do rural nun momento en que o rural galego, e en xeral o de case toda España, padece o gravísimo problema demográfico que todos sabemos. A visibilidade que lle outorga a Casa Real a esta escola será, dalgún xeito, unha chamada de atención sobre o tema. Terceiro porque o feito de que sexa Antón Gómez, o director da escola, sindicalista e nacionalista galego coñecido, fala tamén da normalidade na aproximación a unha pluralidade que está na sociedade. Gustaríame que esta capacidade de integración fose así en todos os casos e en todas as combinacións. Cuarto e porque leva o nome dun intelectual ourensán con fondo sentido do humor e moi comprometido con Galicia e co ensino.

E quinto, acerta plenamente porque vén, claro, a Ourense, lugar de encontro e de palabra, cruce de camiños, núcleo da intelectualidade máis aberta, fonda e tolerante que tivo a historia de Galicia. De Otero Pedrayo a Valente. En fin, aínda que non nos traian regalos, seguro que algo de chapa, pintura e asfalto cae polas terras do Pereiro.

Graciñas por nos escolleren, felicidades, e que sigan polo bo camiño, como diría o famoso filósofo arxentino Cholo Simeone, partido a partido.

Te puede interesar