Opinión

Unha idea bárbara en pro do fútbol

Bárbaro é un termo polisémico. Pode significar “xenial”, “estupendo” ou pode estar máis achegada a “barbaridade”. Voulles expor a miña idea e xulgarán vostedes. Seguro que a maioría lles parecera “bárbaro”. Pero a ver cal deles.

Podiamos empezar falando de Ruíz Mateos ou de Mario Conde. Ou de calquera outro que manexase diñeiro a esgalla e tivese no seu día problemas reais ou fabricados con Facenda. Saben todos como acabou a cousa. Non se andaron os politicos con díxome-díxome ningún. Tangueron a Xustiza e houbo detencións, expropiacións, desguaces, saldo de empresas, cárcere. E punto final. Ou seguido. Pero á parte polo menos.

Vaia. Pois o maior xesto que pode facer España para demostrar o seu compromiso na loita contra a corrupción e contra o disparate do funcionamento do capitalismo espectáculo desbocado é disolver os equipos de fútbol de primeira división –empezando claro polo Real Madrid e o Barça- e que un grupo de interventores -funcionarios de Facenda- procedan á incautación das súas propiedades e venda das mesmas –estadios, solares, xogadores, cadeas de televisión- para pagar as débedas co erario. E se algo sobra, pois para calquera cousa boa.

Bárbaro, non é? Pero a cousa tería a súa xustificación. Os clubes deben, seica, 3.600 millóns de euros ao fisco; deles 900 millóns de euros o Madrid e o Barça. A que empresa se lle permitiría tal? Os clubes cobran uns prezos astronómicos polas entradas aos partidos, polas retransmisións mundiais por televisión e polo seu merchandising (camisetas, pelotas, chaveiros, toallas, colonias, relós, libretas...) e consiguen uns beneficios enormes que van parar aos petos dunha minúscula elite de asalariados ou mercenarios de ultraluxo que hoxe entrenan ou xogan aquí e mañá alá, e aos bandullos duns directivos que, corruptos, se aferran aos cargos como lapas asustadas polos tronos. Entrementres, unhas ducias de mozos habilidosos no de darlle patadas a unha pelota -que mérito, meu Deus-, son os novos deuses que intoxican a unha poboación que os toma de modelos: fidelidade ao diñeiro, cuspir no chan, facer trampas no campo e fóra, vale todo para gañar, queixa constante, hiperactuación sobre falsidades, enganos a Facenda, soberbia, presunción e, sobre todo, radical clasismo de moitos desclasados. En fin, moitos nenos confundido fama con importancia, só aspiran a ser deuses de pallabarro ou cartón pedra, fascinados polo ouropel e desa vida de cochazos, modelos e problemas de menisco e cháchara monotemática e vácua. Cústame entendelo.

Ademais, a ditadura mediática da burbulla futbolísica que ninguén se atreve a picar -conservemos “pan et circencis”- fai que a liga sexa só cousa de dous ou tres equipos; o resto, comparsa. E iso é antideporte. O fútbol de base, o que xogan os mozos de clubes modestos, non se beneficia dese asunto. Creo que sería moito mellor seguir a terceira división. Alí hai xente de carne e óso, de deporte, esforzo e compromiso. E non luces de neón de negocios de dubidosa moral.

Te puede interesar