Opinión

A importancia dos números dous

Xa sabemos os números un das candidaturas para as eleccións de maio. E a min xórdeme a dúbida dos números dous pola importancia que poden chegar a ter. Vou ao tema. Hai dous partidos que terán representación e, pase o que pase, seguirán cos seus líderes ata a fin de lexislatura, digamos 2027. Son o BNG e Democracia Ourensá. Luís Seara é un comprometido traballador e resistente, e DO sen Jácome, simplemente, non existe; ben se ve como lles foi aos que o abandonaron. O amado líder é a fonte única de inspiración de ideoloxía (sic), o manancial de ocorrencias, a estrutura organizativa feita home, e por ser, é ata o local da propia sede; por iso sen el e o seu estrambótico comportamento, DO non pode existir. Pero non teño clara as continuidades de Paco Rodríguez e Manuel Cabezas no caso de non conseguiren artellar unha maioría de goberno. Son xente maior en idade, dignidade e goberno, que non vén participar en ningún circo. Veñen gobernar, outra cousa non lles vale. 

Imos facer política ficción que é algo que a moitos se nos dá especialmente mal e nunca acertamos: a lóxica que pretendemos non se leva ben cuns comportamentos políticos, individuais e colectivos, que acostuman cada vez máis a tender ao disparate. Imaxinemos que as cousas quedan máis ou menos igual, concelleiro arriba ou abaixo. Imaxinemos, pois, que nin DO, nin PSOE, nin PP sacan maioría suficiente para gobernar a cidade (non sei se será nesta orde polos votos acadados, talvez, ou noutra). Digo en solitario ou co seu único aliado habitual -o BNG no caso do PSOE- pois o PP carece de aliados posibles e non se ve no horizonte ningunha outra bisagra. 

 No caso de ningún dos tres grandes teña posibilidades de nomear alcalde, entendo, que só habería tres saídas, de daren os números: Goberno pactado (bianual ou por áreas) entre PSOE-PP (co permiso, pola excepcionalidade, de Ferraz e Xénova), ou gobernos de coalición entre PSOE-DO, ou entre o PP-DO. Non hai máis combinacións. Como prudentes políticos que son, nin PSOE nin PP pecharon ningunha porta. Paco Rodríguez dixo que sería imposible hoxe en día pactar con Jácome. Hoxe en día. Pero parece moi difícil. Baltar na última entrevista en LR tampouco pechou o tema. Pero obviamente non vexo nin a Paco Rodríguez nin a Manuel Cabezas como integrados nun goberno presidido por Jácome, nin a Jácome compartindo despachos con ningún deles. E como se arranxa o choio? Ou un pacto de primeiras espadas permitido, como diciamos, polas instancias superiores de cadanseu partido -o que ao meu ver tería comprensión de boa parte da cidadanía non abducida polas luces, titiritadas e ruído de obras- ou ben con ese pacto de PP ou PSOE con DO. E como, desde logo, tampouco vexo a Rodríguez, nin menos a Cabezas, liderando ou negociando esa confluencia co DO, aí entran os números dous das candidaturas, para exerceren ese plan B, que indubidablemente debe ter alguén presente.

Sabemos que o PP de Ourense, se non lle chegan os votos, é capaz de reeditar o pacto con DO, porque xa o fixo en varias ocasións. E como é o único goberno provincial de Galicia en mans do PP, non sería ilóxico pensar que “desde arriba” tragarían de novo o sapo. O que non vexo é a persoas tan educada e tan pouco necesitada da política, como Cabezas, tragando un alcalde que é capaz de dicir “Si no te gusta, te jodes” a un compañeiro de corporación, como foi, tamén polo BNG, cando el foi alcalde, o seu amigo Xosé Henrique Rodríguez Peña. Políticos de onte, políticos de hoxe. A distancia de La Clave a First Dates. 

Te puede interesar