Opinión

A inutilidade das campañas

Rematando esta campaña electoral, pregúntome se valen para algo útil e contéstome que, seguramente, non. Ou si, para moveren un pouquiño a economía de imprentas, sonorizadores de actos, deseñadores de campañas, transportistas, asesores de imaxe, etc. Interesante, pero pouca cousa. Tamén, non hai que negalo, fastidia moito aos que lles cadra ir nas mesas. Pero son cousas imprescindibles da democracia. E venme á cabeza unha conversa de terraza de verán cun sensato cargo socialista de Ourense –e non é un oximoron- sobre os debates electorais. Non era partidario deles, porque, dicía, non achegaban nada interesante. Argüía, e eu concordaba, en que non se pode fiar todo ao “espectáculo”. Un pode ter unha actuación brillante e falar moi ben, e despois ser un desastre. E ao contrario. Un tipo tan listo como Vicente Risco, era famoso por ser mal orador. Sabemos todos que hai xente moi espelida de lingua que despois non sabe baixar o lombo ou á realidade, que ten enfurruxados os conectores trifásicos de boca-cerebro-brazo. Ou sexa entre o que se di, o que se pensa e o que se fai. Nun debate entre Iker Jiménez e Eduard Punset, seguramente o “grande público” se decantaría polo primeiro. E non lles digo xa se son Belén Esteban dunha parte e a filla de Punset, da outra.

As percepcións de longo percorrido son as que deben decidir os votos. Pois as campañas só serven para sacar o peor de cada un: pelexas polos postos, dossieres, argumentarios prefabricados, descualificacións, golpes baixos… Só busca de titulares.

En fin, que rematada esta campaña, creo que do que menos se falou foi de Europa. Das grandes cuestións de xeoestratexia e dos modelos e posibilidades de xestión deste referente de liberdades mundial que é Europa nun mundo desacougado e no que o centro de poder, hoxe económico e mañá político militar, bascula imparablemente a Asia. De como xestionar a inmigración e o avellentamento da poboación. De como combinar este librecambismo mundial que sacou a fame de boa parte do mundo coa precisa defensa das condicións laborais de Europa. De como se afronta o turismo social existente. De como combinar a pertenza a un bloque mundial a liderar –o mundo hispano-, coa incardinación noutro bloque como Europa. Deberiamos ter escoitado cousas sobre as relacións a establecer con Turquía, con Ucraína e sobre o reparto dos custos da integración dos países do leste. De se sería precisa unha regulación europea das liberdades cívicas individuais –prensa, aborto, etc-. De se ten sentido que existan embaixadas multiplicadas por todo o mundo mundial. Incluso, de se é lóxico ou non que as listas únicas dos estados poidan incluír só a unha parte dos integrantes da candidatura, por zonas. Non. Ningunha cuestión grande ou pequena saiu do guión. Cada un tratou de xogar á defensiva no seu campo. A xente aburriuse co partido e empezou a marchar do campo antes do pitido final.

Cañete falou de agricultura, Valenciano, de feminismo. O máximo éxito mediático foi a parvada dita por Cañete logo de que a sociata o desquiciara coa súa banda sonora de rosmidos e falar entredentes. Nada atractivo. Ah, si: o BNG fala da legalización da marihuana. En fin, xa está cuberto o trámite. Todos contentos. Ata mañá, claro.

Te puede interesar