Opinión

Inxenuolandia, mon amour

Estoulles namorado de Inxenuolandia. Creo que esta terra tan diversa, tan agradable, tan acolledora na que vivimos é o mellor dos mundos coñecidos. Si. Estes países que fomos escollendo, pouco a pouco, unha forma de vida de palabras e non de espadas, de liberdades e non de dogmas, de fronteiras e non de murallas, é un lugar atractivo que, como diría Rosalía, “cobiza causa miralo”, sobre todo tendo en conta o que chove fóra.

Repararon vostedes sen dúbida, na miña tripla oposición entre cousas boas e malas. Os segundos elementos das comparacións tendían a negativos (espadas, dogmas, murallas) fronte ás evocacións positiva dos tres primeiros (palabras, liberdades, fronteiras). E poida que lles chame a atención que inclúa “fronteiras” entre os positivos. Explicareime. Nos tempos máis recuados, antes dos romanos, todo estaba cheo de murallas. Se pensamos en San Cibrán de Las ou en calquera castro dos que hai por Galicia, axiña nos decatamos de que estaban fortificados para defendérense uns doutros. A pax romana, o imperio da lei pública, fixo que a xente andase e comerciase polos camiños libremente, e que as vilas e poboacións romanas do tempo tendesen a non ter murallas, aínda que as recuperasen contra a caída do imperio romano coa ameaza bárbara ás portas; exemplo, Lugo. A conclusión non deixa de ser simple: ao diminuír o poder do estado, ao seren as fronteiras menos seguras, aumentaba a inestabilidade das poboacións e así apareceron castelos, cidades amuralladas, servos... e as relacións de fidelidades e clientelas persoais puxéronse por riba das vellas leis, ou sexa, veu o feudalismo.

Digamos que as fronteiras seguras, están indisolublemente ligadas ás liberdades dos individuos e cando varias comunidades se rexen por semellantes sistemas de liberdades, non teñen problemas en que os seus concidadáns se fundan e confundan e viaxen duns sitios a outros e mesmo en acoller a outros cidadáns de países menos afortunados que queren cambiar de modo de vida e achegarse á liberdade que se vive dentro desas fronteiras . Aí naceron os pasaportes, primeiro e a eliminación da súa necesidade inter pares, doutra, e exilios e asilos. Ademais a palabra “fronteira” nace con evocacións positivas. Non son os outros vocábulos romanos “finis” ou “limes” que nos fan pensar aínda hoxe en que acaba algo, ou nun límite co descoñecido. Non. A palabra “fronteira” ten que ver coa amosarse de fronte, con “frontal”, con “frontispicio”, cunha especie de mensaxe que diga “vostede está entrando nunha terra na que se vive así”. A fronteira é o imperio da lei, da vida regulada por normas, dereitos e obrigas, para dentro e para fóra.

En fin. Europa estase comportando nesta crise como o que é: unha adorable vella inxenua. Como vella, non se dá reproducido e necesita inexorablemente a chegada de xente nova de fóra que desexe participar do vello espírito, de zume novo, que veña tonificar, rexuvenecer, enxertar vida nesa sociedade. Como inxenua tende a pensar que existen solucións simples a problemas complexos: uns falan de pechar a cal e canto a nosa torre de marfil, outros de abrir de par en par as portas, sen límite nin control, todo ser humano que queira vir a compartir os nosos servizos e liberdades. Dúas inxenuidades. Como tamén acusar de xenófobos a todos os que queiran que os movementos se fagan ordenadamente, con calma e regras... valorando os intereses, lexítimos e espurios, evidentes e ocultos que existen detrás desta traxedia humana.

Te puede interesar