Opinión

Labazada do Oscar

O problema, querido lector, querida lectora, é que vostedes, igual ca min, descendemos de mala xente. Si. O presunto “boísmo” do primitivo feliz, é evidente mentira. Vimos de mala xente. Que se lle vai facer. O meu -e o seu- antepasado non é o australopitecus boa xente que, que posto na tesitura da escaseza suprema de alimentos, sacrificou a súa vida para que comese a vella australopitecus que lle dera a vida. Non. Nós descendemos do cabrón carroñeiro que acabou roubando á vella; comeu el e morreron os outros. Si. Non nos enganemos. Temos un compoñente xenético rabudo que, de cando en vez, aboia. E aínda ben que despois, os menos malos dos descendentes daqueles medio homes, foron creando en aberto pensamentos globais -relixións, filosofías, arte, ideoloxías- tratando de reconciliar ao ser humano coa transcendencia e tratando de buscar un sentido á vida. Uns mellores e outros peores, claro.

Inda así, non teñamos a menos o noso compoñente animal, do bisavó austropitecus, “o malo”, pois nin minerais nin vexetais somos. E igual que lles lembraba o outro día a propósito de non sei que cousa, o refrán de “Se queres saber como es, abre o porco e aí te ves”, vexan nos documentais de animais da La 2, os problemas para emparellarse, as pelexas pola comida e o territorio... e saiban que algo diso aniña en cada un de nós. 

A educación, si, a espiritualidade, o convencemento de que nós non somos o máis importante do mundo nin o centro do universo senón un puro enlace entre tempos, lugares e persoas, é o que tende a facernos mellores. Ou polo menos non tan ruíns.

Pero imaxinemos unha situación. Un tipo ten unha muller enferma ata o punto de perder o pelo, e está deprimida. E el, sabendo que lle van dar un premio, anímaa a saír da casa e acompañalo a unha festa, para que goce con el do éxito e se distraia. E chegan, e alí outro tipo, un envexoso maleducado, que se cre blindado polos focos, o micro e o estrado, empézase a rir dela e da súa enfermidade para facer rir aos presentes e a medio mundo que está vendo o espectáculo desde a casa. E vai o tipo primeiro e mira a súa muller e vea con cara estarrecida como dicíndolle cos ollos, “xa cho dicía eu, era mellor que non viñese”. E vai e érguese, sobe ao estrado e férralle unha labazada modesta, proporcionada, sen obvia intención de mancalo, pois doutro xeito sería co puño pechado e sería un ataque en dous tempos, zas zas! Pero non, logo xira, abotoa a chaqueta e sorrindo, baixa a sentarse de novo no seu sitio. Agora xa cun polémico e inesperado óscar ao actor “de reparto”. E o do micro, dálle que dálle no tema. E vai e indícalle que non siga por aí, citando á súa muller con aquela boca podre: “Keep my wife’s name out of your fucking mouth”. O outro que ten experiencia, sabe saír da liada na que se meteu e segue o espectáculo. Empate de maleducados. Non vexo o problema. Morra o conto.

Porque os dous eran negros. Se chega ser branco que zosca a negro, abríase a caixa dos tronos do racismo. Se chega ser negro que zorrega no branco, senón Troia, ardería polo menos Mississippi. E como polo tema racial non pode ir o conto xorde o “machismo” da acción. Que se dixo “my wife’s name”. Que se tiña algo que dicir xa o diría ela. E por que dixo “my wife”, como se fora a súa propiedade? 

En fin, o que é non ter que facer. Pero mellor isto que falar da guerra. Inda van pretender que non se pode dicir “miña nai” ou “miña cidade” porque non son propiedade dun. 

Que o exceso de cámaras non amplifiquen un suceso tan intranscendente como natural... herdo do bisavó ese do que lles falaba.

Te puede interesar