Opinión

Lavar botellas

Crise no horizonte. Temor á falla de produtos. Contedores nos portos. Comercio paralizado. Non hai camioneiros nin estibadores? Incomprensible. China e Austria pedíndolle á xente que acaparen alimentos e produtos. Temor ao apagón... Mmm. Non mo acabo de crer. O escepticismo aconsella prudencia. Parece que despois da pandemia xa quedamos inermes ante medos que nos transmitan, interesadas, as voces plasmáticas dominantes. A vontade de reflexión e pensamento e, ao tempo, a admiración polos mellores na nosa sociedade desaparece e deixámonos ir arrastrados polo río da Voz Unánime. Complétase a cousa coa substitución dos deuses por uns famosos adorados irracionalmente. Si, e ao convertelos en ídolos, despersonalizámolos e condenámolos. Pobre Maradona! Pobres borrachos de fama. En fin, lembran programas como La Clave de Balbín na TV, ou as entrevistas de Joaquín Soler Serrano en Imprescindibles? Lembran o teatro clásico na televisión ou o programa Cesta y Puntos. Lembran a Rosa Zumárraga Zunzunegui e ou ao alcalde de Belmez en Un millón para el mejor? Xa. Pois eses programas, do tardofranquismo, dun xeito ou doutro, foron elementos que educaron aos protagonistas máis novos da Transición na reflexión e no exemplo. Rosa Zumárraga, cociñeira hoxe nun restaurante madrileño, di que nin louca se presentaría hoxe a un programa da tele, “de esta basura de hoy, que da vergüenza y atenta contra la dignidad de las personas”, ela que foi a primeira muller que alzou voz contra o machismo na TV española... Si, calquera pasado foi, cando menos, anterior.

E os mozos de hoxe edúcanse en Sálvame, First dates, La isla de las tentaciones, e todos eses programas atraedores de instintos básicos e refractores do demais. Si. Compráceme situarme entre os “protestantes”, os que tratan de pensar sen temor a confluír con opinións maioritarias pero tampouco coas minoritarias incluso coas únicas.

En fin, que sempre me sorprendeu o disparate da reciclaxe do vidro. Escachar, esnaquizar, moer, depurar e fundir unha botella de cristal para facer outra idéntica é moderno e ecolóxico? E digo eu, non sería mellor lavala como se fixo sempre? Lembrarei sempre a primeira vez que visitei Inglaterra, debía ser 1974, que me colleu alá a flebite de Franco, que o leite era repartido polas casas en botellas de cristal que logo se devolvían para seguir dando voltas; aquí xa chegaran as bolsas de leite de Coren. E en calquera sitio, as xaulas de viño, de cervexa, do que fora, circulaban en viaxes de ida e volta... Cheas chegaban, baleiras marchaban, e se algunha botella non estaba, calculábase a perda e sumábase á seguinte compra. Si. Sorpréndome cando oio que a industria do viño tivo escaseza de brazos para as vedimas e agora falla de botellas. E lembro como nalgunha ocasión festiva de embotellar viño, se lavaban as vellas botellas apañadas coleccionadas nas casas con tal fin, metidas en tinas de augas dun día para outro para despegar etiquetas, e despois cos cepillos por dentro... e caxugando auga limpa... Ata que a maldita frase “non compensa” espallouse como epítome do consumismo libertario... Lavar unha botella, arranxar un electrodoméstico... Ca! Nada diso. “Non compensa”. Os chineses fano barato. E si, o consumo consúmenos, e nós, con sumo gusto e sumo gasto, consumimos o mundo...

En fin, que hai que lavar botellas e reutilizar frascos. É malo depender dos demais. E de canto máis lonxe, peor.

Te puede interesar