Opinión

Leccións das eleccións

As eleccións deixan leccións. E poden ser diversas, por suposto, porque as lecturas non son unívocas case nunca. Un exemplo extremo, os mesmos textos -digamos o Corán- poden lerse con ollos de mel ou de sangue. En xeral, todos, despois das votacións, tenden a dicir que a botella allea está medio baleira e a propia medio chea. Por iso, normalmente, agás casos imposibles, como os de Vox ou Podemos en Galicia que non colleitaron ningún concelleiro, todos din que lles foi ben. E o das municipais é sempre un caso estraño para os crentes superiores nas ideoloxías, pois neste nivel, non funcionan. Os veciños valoran un liderado claro en favor do concello, e así hai resultados que poden parecer ideoloxicamente opostos pero que en realidade só reflicten practicidade en favor da resolución dos problemas cotiás. O importante é que o chofer do autobús conduza ben, e non se leva chaqueta vermella ou azul. Non hai diferenzas socioeconómicas apreciables entre, por exemplo, Beariz ou Vilar de Santos e son dous concellos sen oposición desde puntos de vista presuntamente opostos. E se miramos Vigo e Pontevedra ou Allariz, igual. Pensa alguén que case todos os cidadáns de Vigo son socialistas? Óese máis galego en Pontevedra que en Ourense ou en Allariz que en Xinzo? En Pontevedra, por exemplo, nas xerais, o PP sacou 17.000 votos e o BNG, quinta forza, 2.000. Nas locais, o BNG sacou 17.000 e, claro, maioría moi grande. Exemplos como este, ducias.

En Ourense, desde a recuperación da democracia houbo só dous alcaldes que repetiron: Manuel Veiga Pombo, responsable inicial da modernización da cidade -paseo peonil, parque Miño, etc.- e Manuel Cabezas, amplificador da mesma, con tres maiorías absolutas. Eses dous alcaldes exerceron liderado, os outros non deron. 

E cos resultados de Ourense na man, creo que podemos concordar en varias cousas. Primeira, que Xesús Vázquez non deu conseguido facerse líder auriense. Segunda, que Jácome, que soñaba coa maioría absoluta, tampouco. Terceira, a opción maioritaria, con claridade pero sen excesos, foi darlle a posibilidade de intentalo ao máis descoñecido dos tres, Rafael Villarino. Cuarta, darlle voz do nacionalismo ao Bloque, partido de poder nalgúns admirados concellos próximos como Allariz. E quinto, darlle voz, tamén, pero menos da que pensaban eles, aos Ciudadanos.

E a verdade creo que os líderes dos cinco partidos presentes na corporación deben ter conciencia de que as cousas non se poden volver facer igual porque a cidade clama contra a historia recente de desencontros e tirapuxas. Por iso, as declaracións de Vázquez de que favorecerá a gobernabilidade da cidade, a posibilidade de que en DO vexa que co espectáculo non se vai máis alá, e de que a cara B do disco “The show must go on” é “Keep yourself alive”, a boa disposición tanto para o goberno como para o oposición de Luís Seara, as sempre boas formas de Araujo, fan concibir esperanzas nun escenario local de mellores tratos e formas que o anterior. 

Fácil non vai ser. Eu recomendaríalle aos cinco unha churrascada na que non se puidese falar de política. Primeiro unha aproximación humana que lles permitise, logo, buscar puntos de encontro básicos para a cidade. Os ourensáns habíamosllo agradecer.

Te puede interesar