Opinión

Lecturas para candidatos: a creación

Dicíalles o outro días que non só é cidade a historia das pedras, das fontes, das portas, das prazas, senón a idea fabulada que nós construírmos, creamos, temos ou sentimos de nós mesmos. Sen dúbida, deberían os señores candidatos facer un repaso inicial por un libriño fermosísimo que o amigo Marcos Valcárcel compuxo como volume 4 da colección Auria (2001) no que baixo o título pedraiano de “Ourense, craro río, verde val”, recolle poemas de 55 autores dedicados á nosa cidade ao longo dos tempos, desde o mundo medieval a hoxe. Desde o momento no que Alfonso X introduciu a cidade da Burga na literatura universal ao gabar o “boo vinno d’Ourens”, a Manolo Outeiriño. Coa bibliografia deste libro poden vostedes orientarse pola poesía ourensá de forma áxil. De Valente a Chisco, por exemplo.
E no mundo da narrativa? Pois se cadra estaría ben empezar por “Gallegadas” (1887) de Valentín Lamas Carbajal, especialmente polos seus contos “Os graxos da Burga” e “Xan Brecellao”, pezas fundacionais da nosa narrativa urbana, xunto coas achegas posteriores de Valentín Álvarez de Novoa e Heraclio Pérez Placer. E despois, imprescindible, dos tempos de Nós, a grande novela de Ourense, que considero, con poucas dúbidas, “O porco de pé” (1928) de Vicente Risco. Si. Velaquí a cidade da emerxencia da modernidade e da mestizaxe dos inicios do XX. Os máis vellos, ata hai pouco, recoñecían personaxes concretos. A néboa fixo que se esvaecesen. Imprescindible, de Otero, “La vocación de Adrián Silva” (1949), situada xa nunha Auria transparente tamén en tránsito entre o XIX e o XX. Tamén imprescindibles, tres libros de Blanco Amor: “La Catedral y el niño” (1948); “Os Biosbardos” (1962) , a súa obra máis querida e refabulación da infancia na cidade a través de relatos curtos de protagonista infantil”, e “Xente ao lonxe” (1972) , auténtico –e complexo- retablo dos inicios de século en Ourense, desde ollos e posicións ideolóxicas moi avanzadas. Estas tres obras, non son menos importantes para Ourense que a famosísima “A esmorga”. Máis adiante temos un par de narradores como Méndez Ferrín –imprescindibles os seus relatos “O Suso” de “O crepúsculo e as formigas”(1961), e “Xaque Mate”, de “Crónica de Nós” (1980)- e Carlos Casares, coas súa novela experimental non amada “Cambio en tres”(1969), con “ Ilustrísima” (1980) e “Deus sentado nun sillón azul” (1996).


Tamén lles recomendaría unha novela pouco citada e que foi Premio Planeta en 1988, “Filomeno a mi pesar, memorias de un señorito descolocado”, de Torrente Ballester, situado nunha cidade do interior de Galicia denominada na ficción Villavieja del Oro, e que ten como protagonista a un señorito raiano disgustado co seu propio nome. Tamén, imprescindibles, as novelas de Chesi –o noso mellor escritor desde Blanco Amor- e sinalemos só a primeira: “Las estaciones de la Muerte”, por ter unha simpática e desacougante trama ao redor do Liceo de Ourense, e para lle render homenaxe ao pobre Samuel, do bar dos viños, que tan orgulloso estaba de aparecer na obra.
Deben ler tamén algo de Bieito Iglesias –“Miss Ourense” (1994)-, de Manolo Guede –“Visperas de Claudia” (1985)-, de Chisco Fernández Naval –“O bosque das Antas” (1988) ou “A noite branca” (2012)-, de Uxía Casal –“Sede en Ourense” (2005)– ou algunha das tramas negras de Diego Ameixeiras –“O cidadán do mes” (2005) ou “Historias de Oregón” (2011)- por exemplo. Etc.

Te puede interesar