Opinión

Lecturas para candidatos e non só

As cidades non son fotos fixas, son películas nas que uns actores, os cidadáns, van modificando os escenarios, os decorados, os vestiarios, os diálogos, as bandas sonoras, conforme aos tempos. E tamén reflexionan, crean e contribúen a formar unha idea da cidade mesma, algo difuso, esvaído pero real, sempre coas súas lembranzas, alegrías e cicatrices, que podemos chamar “estilo” e “personalidade” de cidade. Así recoñecemos todos, por exemplo, que este Ourense de andar a pé e con multitude de paseos ás beiras dos ríos é un lugar amable, pousado, no que os cidadáns viven os espazos públicos con auténtico pracer e sen a crispación habitual nas megaurbes do sur de Europa. Por iso os que pelexamos e gozamos coa vida, que paseamos ata a Praza Maior ou Outariz, compramos pulpo nas pulpeiras os domingos, que tomamos algo polas zonas dos viños, en fin, todos os que gozamos co sol da primavera, estamos bastante contentos de vivir aquí e bastante disgustados dos aires enrarecidos da Casa Grande da Praza Maior.
Eu recoméndolles aos candidatos todos, do primeiro ao último de cada lista, que fagan un pequeno percorrido pola cidade-letra vella, da man dos seus escritores, porque os señores da palabra privada son interpretes da emoción colectiva. E se así o fan, seguro que os membros da futura corporación teñen máis cousas en común das que pensan, polo menos algunhas lecturas e memorias prestadas, e, se cadra, isto axudaría a que se levasen mellor.


Permítanme comezar por unhas cantas obras xerais de historia e estorias. Creo que non me engano se lles recomendo para empezar o libro “Cosas de Orense”, de Florentino Cuevillas, publicado polo Concello no ano 1968 e que xunta un cento de fermosísimas evocacións de momentos da cidade publicadas en La Región, recompiladas por Xoaquín Lorenzo e prologadas por Otero Pedrayo; trátase da lectura da alma da cidade desde a alma dun dos membros da xeración Nós. Segundo, tamén publicado –reeditado- polo mesmo Concello, na colección Auria, o libro de Adrio Menéndez “Del Orense antiguo”, simpática historia da modernización da urbe desde o ano 1830 a finais do XIX en base ás actas municipais; unha delicia seguir a pulsión da vida diaria dese Ourense dos antepasados. Tres, tamén outra visión xeral, máis ampla na historia, pero enfocada na vida cotiá e cultural da cidade, o ensaio titulado “Ourense”, de Carlos Casares, publicado por Ir Indo no libro de fotografías de M. Sendón “Ourense de auga e pedra”. Trátase dunha excelente evocación da historia local desde época suévica aos anos máis recentes, da man dunha das nosas mellores plumas de todos os tempos. Tampouco estaría de máis, como cuarto, repasar a “Guía de Orense”, publicada pola editorial Everest e escrita maxistralmente por Otero Pedrayo, ou quinto, o libriño de difusión elaborado cando Marcos Valcárcel estaba xa maliño, que titulou Xerais “Historia de Ourense”. E para acabar a media ducia de clásicos, o serio e científico libro “A cidade de Ourense. Unha visión a través dos séculos”, de Olga Gallego (Anexo 27 do Boletín Auriense). Hoxe tocoulle aos clásicos.
En calquera caso, se queren algo máis lixeiro para empezar, velaí a marabillosa páxina de internet, www.canedo.eu. Os seus planos activos, coa pulsión da cidade desde os seus comezos son o mellor que hai na rede sobre o desenvolvemento da nosa cidade. Creo eu, claro. Seguiremos.

Te puede interesar