Opinión

Lembranza dunha conversa

O outro día en Portugal lembreime dunha conversa que tivera cun estudante de alí co que coincidira nunhas escavacións megalíticas por Amarante. O rapaz -éramolo ambos, pois falamos de 1977- era el moreno, fraco, comunista ortodoxo, orgulloso do seu avó que lle tirara unha bomba a Salazar, e moi espartano. Vivía a familia -inda durmín alí unha noite- nunha chabola do fondo de Vilanova de Gaia. E falabamos, claro, das semellanzas e diferenzas entre os nosos países. Eu comentáballe que me alucinaba o coidados que estaban os xardíns, os monumentos, etc. El sorriu. E comentoume que había unha diferenza moi grande nas orixes entre as ditaduras de Portugal e España. Antonio Oliveira Salazar fora ditador, si, pero ollo, “tambem era catedrático”. Pola contra, a opinión que tiña de Franco, facilmente compartible, era dunha persoa con poucas, digámolo así, inquedanzas intelectuais e estéticas. El dicía, creo, “burrinho”.

E claro, ao calor de Salazar, doutor en dereito pola Universidade de Coimbra e catedrático, as especulacións económicas foron bastante respectuosas co medio urbano, polo menos cos núcleos históricos. Tanto ten que falemos de Valença do Minho como de Viana do Castelo, ou de Esposende, ou Ponte de Lima. Ou da Alfama lisboeta ou da Baixa de Porto. É obvio que o menor desenvolvemento económico tamén provocou menos tensión especuladora -como aconteceu por outras razóns en Budapest ou Praga- pero o coidado dos xardíns, os monumentos, etc. e dos bens públicos, segue aí. Calquera que fose a Portugal daquela ou hoxe, ve que hai unha apreciable diferenza de trato coa estética e co respecto ao pasado entre eles e nós.

E faloume el, por primeira vez, das mentiras históricas da ditadura. Unha delas exitosa, por certo, e que eu agradezo: os castelos. Se pensan vostedes en Chaves, en Melgaço, en Valença, en Lisboa, Guimaraes, etc. repararán en que os castelos e moitas igrexas están moi ben conservadas. Dunha forma incrible. Si. A razón é simple. Son todos dos anos trinta. Desde 1936 en adiante, a ditadura do Estado Novo reedificou dunha forma sistemática todas as fortalezas caídas, abandonadas. Si, en lugares onde apenas quedaban unhas pedras ciscadas, renaceron castelos con ameas de feitura medieval reconstruídos coa intención “nacionalista” de formar idea de antigüidade e fortaleza. O castelo de Guimaraes, “o berço da nacionalidade” por exemplo, é de 1936. E do castelo de San Jorge, en Lisboa, di un especialista portugués: “... a verdade é que as muralhas e torres hoje visíveis foram construídas a partir de 1938, no âmbito do tal programa salazarista de devolução de muitos dos monumentos nacionais a uma desejada pureza original, mas que frequentemente não passou de uma recriação livre dos edifícios ao sabor dos gostos de arquitetos e decoradores”.

Á sombra do “burrinho” de Ferrol acolléronse estraperlistas, especuladores, tan analfabetos e pouco sensibles como o ditador, e acabaron con edificios e urbanismos históricos. Os castelos de Portugal serían falsos no principio, pero, andando o tempo, collen “balor” e quedan, a verdade, preciosos. Sorte un ditador catedrático. A historia non, pero a estética hallo agradecer.

Te puede interesar