Opinión

A lenda da xudía Raquel

O outro día comentáballes que a imaxe da Virxe do Carme que está acubillada no muro das Franciscanas viñera, en 1926, da Igrexa da Trindade, onde chegara despois de ser derrubada a Capela do Posío, e contáballes de que esa imaxe, de pedra, substituíra outra desfeita por un raio, un par de anos antes. E contáballe que a orixinal tiña que ver cunha lenda dunha xudía.

Pois voulla contar. Aparece recollida -literaturizada, ou sexa posta con palabras bonitas e non como lla contarían a el- por parte do ourensán Heraclio Pérez Placer, incluída dentro dun seu libro de 1899 titulado “Contos, leendas e tradiciós”.  E usa esa triple categoría para contarnos cousas de Ourense. Algunhas referidas a contos populares, reais ou non, como o famosísimo San Roque feito por don Juan de La Cova para Cudeiro e con can que se facía máis pequeno día a día porque fora feito con “madeira” de nabo. Outras, refírense a lugares concretos da cidade (O puzo da Sila, O Puzo do Inferno, A cruz do Piñeiral e A Virxen d’o Carme d’A Burga).  Sonlles estas catro lendas ben curiosas e teñen toda a pinta de teren sido escoitadas por don Heraclio, polos datos que dá. En fin, cóntolles a última: A Virxen d’o Carme d’A Burga:

Un mociña, Raquel, a máis rica da xudería ourensá, reza á noite no seu cuarto ante unha imaxe da Virxe do Carme. O pai, un xudeu vello d’aspeuto repulsivo e medorento, descóbrea, insúltaa e bótaa inmediatamente da casa. A pobriña, á penas vestida co camisón, vaga chorosa ata que vai dar ao descampado da Burga. Sentíase morrer c'o frio, quíxose dirixir hacia o pilo d' as tripas pra se quentar n-o bafo, pro non poido dar un paso, fraqueáronll' as pernas e tivo que se sentar n-o chau. Cando estaba para morrer, oíu que viña alguén... Era Ismael, o mozo xudeu. Sorprendido, pregúntalle que fai ela alí a esas horas e nese estado... Ela cóntalle que a botara o pai da casa por cristiá... E o Ismael, de primeiras, dálle razón ao pai, claro, pero ela cóntalle. 

O Ismael estivera enfermísimo, tal que para morrer, e ela viu que os cristiáns entraban na Catedral a pedir polos seus. Ela entrou e aos pés do Santo Cristo prometeu facerse cristiá se sanaba o Ismael. Meu dito, meu feito. Ismael curou, pero non volveu por ela. Nese momento case a perdoa, pero ao ver a imaxe da Virxe que ela levaba no seo, encabúxase e arrempuxándoa de xunt' a si marchouse ó mesmo tempo que dicia:-Pois si tanto a queres, cásate c' o ela. A pobre Raquel, morreu de frío. Foi atopada ao día seguinte polos empregados -cortadores- do matadoiro -o que estaba case debaixo da ponte da Burga e de onde vén o escudo do león que pon  “Por el Rey”- e quedáronse asombrados a ver aquela nena branca, fermosa, medio desnuda, sostendo n-as suas maus unha Virxen d' o Carmen, que despidindo de sí lucido limbo rodeab' á morta nena de coroa de célicos resprandores.  

O caso é que hai un trono e un raio e a rapaza ascende ó ceo e a imaxe segue alí.  E os cortadores fixeronll' un nicho pr’a milagrosa imaxen, y-ahi por moitos_anos estivo hasta que sin saber como, desapareceu e foi reemprazada pol-o modesto retabro que hoxe tén.... Todo desapareceu: o barrio d' a xuderia xa non esiste; pro os cortadores inda conservan as tradiciós d' os seus abós, pois inda todol-os anos lle fan a fest á Virxen do Carmen d’a Burga. 

Te puede interesar