Opinión

LINGUA, TRIBUNAIS E ALMA

Eu xa me lles rin da enquisa aos pais nun par de ocasións. Nunha delas, inventáballes un conto da chegada a Santa Equisación a un centro no que a maioría dos pais escapaban porque nunha proba previa non sabían dicir o nome das materias que tiñan os seus fillos nin a lingua na que eran impartidas. Ou sexa que non había conflito especial. Pero non se enganen, creo que todas as consultas que se lle queiran facer aos pais están ben, pois está ben saber o que pensan. Porque aínda que os profesores, co corpo a corpo diario, coas titorías, coas reunións, xa o saibamos, se cadra aos despachos santiagueses chegan sobre todo as voces dominantes que sempre proxectan unha imaxe de máis conflito do que existe. Por iso dicía, tamén hai anos, nun artigo sobre esta aburridísima cuestión, que nin Callón nin Gloria Lago debían ser os que marcasen o ritmo e camiño aos políticos, e que a lingua debía de saír fóra do debate político e ocupar as rúas, non en manifestacións senón na cotidianeidade normal de nós. Consultar aos pais se se quere, pero, como ben di agora a Xustiza, nada vinculante. Porque os currícula e a forma de chegar a completar ese círculo de coñecementos e actitudes é cousa de informe técnicos e decisións políticas. Como na sanidade. Como no tráfico. Como en calquera cousa.


Por iso eu alégrome de que a lingua non tivese presenza específica na última campaña electoral galega. As pequenas feridas cúranse pasando a lingua. Rematemos coas desconfianzas. Dos políticos cos profesores. Dos promotores do galego cos pais. Todos queremos o mellor para a formación integral dos mozos, ese ben escaso do mañá.


O futuro da lingua galega non se lles decide, e non teñan a mínima dúbida, no Parlamento nin nos tribunais. E non o deciden nin os consellos da Xunta, nin as manifestación da oposición, nin as misas do arcebispo de Santiago. En absoluto. A escola pode axudar pero non decide.


O futuro do galego decídese en Montealegre durante os magostos, na Alameda nos botellóns, nas pistas de tenis de Santo Domingo, nos pubs dos viños as fins de semana, nas discotecas, no tuenti e no whatshap, no facebook e nos apps para androide, nas tablets, ou sexa na forma lingua en que se relacionen -amen rían choren- os nosos mozos. E por suposto, querido lector, sobre todo, na súa casa. Na lingua que vostede queira e sexa capaz de transmitir como primeira. E nada máis.


As leis non nos poden entrar na boca. Por sorte. Por iso viviu séculos fóra do mundo oficial e do ensino, entre o máximo cariño inercial do noso pobo. Era a lingua na que cantaba, ría e choraba. Hai que rebelarse contra esa idea dun pobo acomplexado por prexuízos de autoodio ao longo da historia. Non é certo. Houbo problemas, claro, pero mentres a nosa chegou vivísima a nós, moitas ducias desapareceron de Europa. Os nosos escritores Rosalía, Curros, Lamas, foron adorados xa no XIX. A nosa lingua é nosa e témola dentro da boca, por iso cando a mordemos ou a queimamos con sopa quente e nos queda como estropallo, non lle podemos botar a culpa a ninguén. Eu mando na miña, ti na túa, el na del, ela na dela. E igual que nas linguas da boca, nas linguas da alma.

Te puede interesar