Opinión

Lingua vehicular?

Unha lingua non é un coche, non é un tren, non é un barco, non é un avión. Non é un vehículo. Unha lingua, naturalmente, non é un transporte de ideoloxía. Non. Unha lingua é un instrumento. Un útil. Unha ferramenta. Unha marabilla. Un instrumento, como os de música, para crear e gozar. Un útil para comunicarse entre as persoas, para amar, rir ou rifar. Unha ferramenta para construír coñecementos útiles e inútiles; para acumulalos ou esparexelos. En fin. Os vehículos con condutores pouco hábiles, como é o caso, poden chocar entre eles. Malo.

Non me gusta falar de linguas vehiculares do ensino. Gústame falar de linguas instrumentais, as que se usan na escola para comunicar. Por iso é bo estudar e usar nas aulas varias linguas, para ter máis instrumentos -microscopios, telescopios, simples ventás abertas ao mundo- e poder relacionarse, ler, investigar e crear, de varias formas posibles. Si. É bo que a escola semente a curiosidade e a sede de coñecemento para conseguir o ideal de persoas cultas, tolerantes, abertas, preparadas e críticas; ou sexa, capaces de construír e argumentar, progresivamente, ideas propias, non ser simples ignorantes,replicantes ou repunantes. 

En fin, que o ruído da Lei Celaá, é molesto. Estamos fartos de leis. Oito desde a transición! A lei alemá é de 1949. Aquí, o disparate do enfrontamento constante. Os profesores imparten clases na cuberta dun barco axitado no medio da tormenta, con cabos soltos por todos lados, e con oficiais e mariñeiros berrando e dando ordes contraditorias. 

E non nos enfronten na mente dos cidadáns. Todos, ensino público, concertado, privado, somos da mesma confraría; da que se bate no fragor da aula en favor da poesía e do libro e da beleza e do saber, contra a incultura, a ignorancia, a illa dos famosos e a fealdade do grotesco e das mentes cativas. 

E si, para que unha persoa teña varias portas abertas, debe usar varias linguas instrumentais no ensino. Gústame o de galego, castelán e inglés. E creo que a cada lingua hai que darlle un espazo equilibrador en relación co que se vive na sociedade. Así, efectivamente, o castelán debe ser lingua instrumental en Galicia. Na materia de lingua castelá porque é a dominante inercialmente e non precisa especiais promocións. E dúas ou tres máis materias poderían ser en inglés; e o resto, por suposto, en galego. Porque unha vez roto o latexar da aldea, unha vez esmagada a relación interxeneracional pola vida moderna, é imprescindible blindar espazos para garantir futuro. E debemos actuar sobre a escola, porque por inmensa sorte ninguén pode lexislar sobre o que se fala no ámbito privado; grazas a iso o galego permaneceu alí refuxiado, agarimado, de forma natural séculos, pero en tempos comunicativamente menos avoltos. 

Resúltame patético ver madrileños defendendo o uso do castelán na escola como se lles fosen dar clases aos seus fillos en catalán no barrio de Salamanca ou Vallecas. E non mesturen. Defendan a concertada o que queiran. E paréceme ben. E non se preocupen polos que temos por máis nosas outras linguas, pois por nada do mundo, nin sequera pola súa gran soberbia de pequeno imperialismo, renunciariamos a ter entre o repertorio educativo dos nosos fillos a lingua e cultura do Quixote. Os que temos varias e estamos afeitos a andar polo mundo, sabemos mellor que vostedes, pailáns de asfalto, o que elas valen.

En fin, a Constitución, que no artigo 3 fala de “castellano” como “la lengua española oficial de España” -hai máis, logo- non di nada de linguas vehiculares: é só a lei de ensino dun ministro anterior. Unha das oito. Como esta, un molesto ruxe-ruxe político. 

Te puede interesar