Opinión

Logo da intelixencia artificial, a organoide?

Vounos asustar, que eu tamén o estou. E estouno porque xa coñezo xente que usa todos os días nos seus traballos o ChatGPT de IA porque, din, libéraos das rutinas máis feas. Daquela, a IA xa é o presente no que algúns están moi instalados (desde novembro que empezou o choio), pero o que eu temo é o futuro. Vamos ver, moitos cren que logo da IA, vén a IO, a Intelixencia Organoide. Cóntolles o que entendín despois de ler algo disto e vostedes me dirán se é para ter certo canguelo ou non.

Resulta que hoxe existen os “data centers” que, simplificando, son unha inmensa agrupación de ordenadores, procesadores, etc. que traballan xuntos, polo que consumen tan inxentes cantidades de enerxía e precisan estar, incluso, ao pé dos ríos para poderen arrefriar os seus cerebros electrónicos... para que non se lles quente a cabeciña, pois as redes neuronais artificiais que hoxe funcionan cos temas da IA son, digámolo así, “primitivas” e derrochadoras en canto a eficiencia enerxética.

E velaí que hai a quen se lle ocorre pensar que é posible cultivaren tecido neuronal humano -como calquera outro cultivo médico- para usáreno as través da súa integración coa máquina para que os cálculos e almacenaxe de información sexan moito máis rápidos e baratos enerxéticamente que os actuais. Ciencia ficción? Pois si. Coma todo. Pero coma o que vemos hoxe e non creríamos hai só uns meses.

E o tema da interacción máquina-home xa está aquí. Só como exemplo, podemos pensar nalgo inimaxinable hai uns poucos anos, marcapasos ou os implantes cloqueares, polo que moitos nenos xordos levan un terminal externo que conecta ese dispositivo artificial a modo de oído co seu nervio auditivo “ponteando” ese oído externo e interno que non funcionan. Desde o primeiro ensaio en paciente humano (1978) a hoxe, xa hai unhas 700.000 persoas con el, e avanzando a toda máquina. Non é un oído de verdade, pero podemos imaxinar que se vai perfeccionando día a día. E non me resulta difícil imaxinar que deica uns anos aquelas cegueiras que teñan que ver co ollo, se cadra, aínda se poden tratar dun xeito semellante, pois moitos experimentos hai xa en marcha. Imaxinen unha microcámara como a do telefono móbil implantada ou levada nuns lentes e conectada co nervio óptico. Quen se ía opor a esta integración máquina home? Ninguén. E quen di iso, di mil posibilidades máis que non todo vai ser branquear dentes e poñer morros de salchicha ou de lamprea. 

O cultivo de “células neuronais” humanas vai hoxe na liña investigadora da restauración de funcións perdidas... pero, como lles dicía, hai quen soña con que ese cultivo masivo e esa integración coa máquina “pense” máis rápido e custe menos. Se lles presta e queren furgar, busquen na rede “Organoid intelligence (OI): the new frontier in biocomputing...” na páxina de Frontiers in Science, e pensen por vostedes mesmos antes de que nos adiantes as máquinas. 

Así pois, xa saben, téñolles certo medo ao futuro, e creo que hai que crear unha Axencia Internacional de IA urxentemente, como hai para a enerxía nuclear. Pero tamén teño o temor de que este medo aos avances no futuro sempre os houbo desde que o mundo é mundo. Se cadra chámanlle, simplemente, facerse vello e pensar que calquera tempo pasado foi algo máis ca anterior. E pode que si, ou pode que non, claro. 

Te puede interesar