Opinión

Lorca e a manipulación

Seguramente a estas alturas serán sabedores de que a Editorial Anaya retirou da circulación uns libros en Andalucía, para nenos de primeiro de Primaria, seis anos, por falaren de Lorca sen mencionar que fora asasinado na guerra civil e por diciren que Antonio Machado vivira os seus últimos días en Francia, sen mencionar a súa esencia de exiliado. Entendo que desde o punto de vista empresarial, a Anaya lle interese amarrar o negocio, aínda que saiban que desde o punto de vista pedagóxico é un disparate. Non queren enfrontarse á todopoderosa Junta, nin co seu chiringuito parafascista Dirección General de la Memoria Democrática. E digo parafascista, porque así considero a todo departamento oficial que dirixa unha lectura da historia. Temos unha sociedade civil madura e democrática, con máis de trinta anos ás costas, para procesar eses temas. Aí están as universidades -e amadores- que estudan a guerra, posguerra e calquera outra cousa. E as administracións apoian estes estudos, pero, creo, nunca, xamais, debe haber un departamento específico que exerza de comisario político da corrección do que se fai ou o que se di. En fin, que todos os países e institucións que se alcumaron sempre de “democráticos” son o exemplo do contrario. Se cremos que a Alemaña do leste, a RDA, era máis democrática que o oeste, RFA, entón creremos que o muro de Berlín foi feito para impedir que as masas do oeste escapasen ao paraíso do leste, como dicía a súa propaganda. Se vostedes queren ver como pensan os que promoven esta denuncia, recoméndolles ver a páxina “Foro por la memoria de Córdoba” cuxo dirixente, Luís Gabriel Naranjo, é o actual director xeral do ramo. Especialmente o artigo guerracivilista e case xustificatorio do asasinato dos cregos na Guerra Civil.

En fin, que con accións como esta, creo, están minusvalorando o Lorca inmortal, o Lorca poeta, e reducíndoo ao simple papel de vítima. Porque o asasinato infame, vil, tráxico, sádico, fascista e inútil de Lorca, non achegou nada á súa poesía. Só botou ignominia sobre os asasinos e cómplices. Pero o Lorca que debe estar presente nun libro de texto para neniños pequenos, debe ser o poeta. E dicir, simplemente que “murió cerca de su pueblo durante la guerra civil” non é ningunha incorrección. Xa chegará o tempo de que saiban a historia fea e triste, por todos lados, desta España. Centrar Lorca no seu asasinato, despista o fundamental. Lorca era poesía e quería que os nenos amasen a poesía. Por iso escribiu poemas para nenos. Como a “Tarara”, como o poema da escalerita a la Luna para llenarla de color, ou como o poema dos lagartos, co que me despido hoxe: El lagarto está llorando./ La lagarta está llorando./ El lagarto y la lagarta / con delantalitos blancos. / Han perdido sin querer /su anillo de desposados. /¡Ay, su anillito de plomo, /ay, su anillito plomado! /Un cielo grande y sin gente /monta en su globo a los pájaros. / El sol, capitán redondo,/ lleva un chaleco de raso. /¡Miradlos qué viejos son!/ ¡Qué viejos son los lagartos! / ¡Ay cómo lloran y lloran, ¡ay!, / ¡ ay!, cómo están llorando!

Non creo que vaian gañar os libros de nenos de seis anos ao incluíren as palabras “asasinato” e “exilio”. Pero alguén xustificará o seu soldo xeneroso.

Te puede interesar