Opinión

Un mal día, coma moitos

Unha das fontes de inspiración máximas para quen xunta letras son os fragmentos de conversas oídas ao pasar. Non se trata de estar sentado nunha terraza dun bar poñendo a orella a ver o que comentan os da mesa do lado -sei dalgún escritor que facía diso unha arte- senón simplemente de pasear. Si. Un pode pechar os ollos e non ver; pode non pasar os dedos para aloumiñar o puído dunha madeira; pode conter a respiración para non ulir un cheiro desagradable; pode non meter na boca o caramelo e non sentir así a súa dozura, pero non temos pálpebras ou labios para pechar os oídos, único sentido dos humanos radicalmente involuntario. Por iso, estamos, sen querelo, sempre alerta do que oído dicir. E si. O outro día ao pasar pola rúa, cruceime co encontro dun parella de vellos, a secuencia do intercambio foi:

-Que tal? -preguntou un. 

-Un mal día, coma moitos -contestou o outro.

E si. Quedei remoendo no dito “Un mal día, coma moitos”, ata chegar a casa. Acendo -cousa rara- as noticias da tele e axiña comprendo que o home falase con esa negatividade. Parece que só as malas noticias teñen acubillo na televisión, e hai unha sobreactuación política en España que desacouga ao máis calmo. Empezo oíndo o asunto da transferencia da xestión de tráfico a Navarra, ao igual que xa as teñen no País Vasco e en Cataluña e tal como fora acordado xa en tempos de Aznar. A min, a verdade, tanto me ten. Pero se teñen un corpo que foi creado en 1928 co nome de Cuerpo de Policía de Carreteras e que hoxe, adaptada ás circunstancias autonómicas de España, se chama Policía Foral de Navarra e que exerceu as competencias de tráfico en exclusiva ata 1964 en que pasaron á Garda Civil, pois non parece disparate que o asuma de novo. E non me apetece buscar o argumentario a favor de Aznar, que seguro que o tería. Ademais debemos lembrar que sempre existiron policías forais nese ámbito, provenientes do Antigo Réxime. Hoxe subsisten esa policía navarra e os Miñones de Álava por seren dous territorios nos que triunfou desde o inicio a sublevación do 18 de xullo. As policías forais das deputacións de Vizcaya e Guipúzcoa, foron suprimidas en 1937, por razóns obvias. En fin, morra o conto, e se fan falta menos gardas civís en Navarra, fenomenal, seguro que moitos estarán encantados de viren máis preto da casa. 

E cambia a noticia e oio unha bronca monumental porque unha deputada de Vox dixo no Parlamento que unha ministra estaba alí porque estudara ben ao seu home. A verdade é que os políticos de ambos xéneros debían ter a pel menos fina. Certamente, non é bonito que lle chamen a un “enchufado”, pero ese puritanismo de considerar que dicir “porque su único mérito ha sido estudiar en profundidar a Pablo Iglesias” é unha “violencia política que se está ejerciendo en este momento en la sede de la soberanía popular”, me parece unha esaxeración. Máis criticable é o que dixo despois, que xa sabía a ministra que rebaixaría as penas, pois iso é presupoñer mala fe a quen insultou aos 5.550 xuíces de España (o 55%, mulleres) ao chamarlles “machistas”, etc. Un ministro -ou ministra- non pode faltarlle a un dos tres poderes do Estado. En calquera caso, é obvio que a bronca é só unha forma de tratar de despistar o tema principal, a malfadada lei. Entendo que a señora Montero está pasando uns días desacougados porque só o feito de que poida chegar a ser interpretada dunha forma favorable aos delincuentes, fala de que algo falla na redacción da lei. Obviamente. Pero que non se preocupe, que nunca a cesarán: é bo ter un pararraios preto lado cando trona e lostrega.

En fin, si, un mal día, como moitos. Non sei se habería que botar uns caldeiros de tranquimazín na rede de augas de Madrid. 

Te puede interesar