Opinión

Mamá Becansa e papa Rivera

Amin, a verdade, os nenos pequenos gústanme con moderación. Gústame que estean saniños, coidadiños, gordiños –non sei se pode dicir isto- e, cando están con adultos que falan entre eles, caladiños. Si. Pasouse bastante de seren os nenos algo secundario na vida dos adultos, cando había moita fartura deles, a seren o centro do ollo do furacán do mundo mundial, nuns tempos de familias por abaixo, monofiliais ou bifiliais e, por arriba monoparentais ou biparentais. E nin tanto nin tan pouco. Nin tanto ignoralos nin tanta atención. Nin regar de máis as plantas nin de menos. Todos os excesos son malos. Ata de atención e coidados, claro. Que empezan por crerse reis e acaban por ser tiranos.

En fin, os pais sempre presumiron das súas criaturiñas, e lóxico é. Levábanas durmidiños nos seus cocheciños tapadiñas ata que se lles achegaba alguén e destapábanlles a cariña. Os cativiños esfregaban os ollos cunhas manciñas como de xoguete, dedos engurrupitados e uñas sempre longas, e choromicaban algo. Entón todo eran coliños e dicir “que riquiño”, “que sol”, “que rei”, “que bonitiño” cos seus correspondentes femininos, no caso de ser bebita –como din os arxentinos-. Agora como hai poucas crías de humanos, céntrase neles toda a atención preparada bioloxicamente para a inexistente “camada” e tocan a moita atención de máis. E algúns pais e nais excesivos acaban facendo o ridículo como se antes deles nunca houbese criaturas semellantes no mundo. E si, desde que o mundo é mundo, hai nenos e nenas. E non pasa nada. Todos turramos deles para riba o mellor que puidemos e coa inestimable axuda das avoas e das “muchachas” no caso do case universal traballo de ambos os membros da parella fóra da casa; e así que se tiñan de pé, ala, “a socializarse” á gardería e ben lles vén que espabilan e pasan rápido a varicela. 
Estes días andan un papá e unha mamá na prensa non polos seus méritos, que os terán, senón polas parvadiñas asociadas á súa condición de proxenitores algo chochos.

Os toureiros, para empezar, son sempre chulos de seu. Para pórse vestido como un poema diante dun bicho de 500 quilos con cornos e ganas de axustar contas cuns que o marean de aquí para alá, lle cravan banderillas e outras inconveniencias cabritas, cómpre ser un pouco chulo e un pouco tarabelo. Calidades ambas que cumpren tanto o toureiro ese que apareceu coa meniña no colo diante dun touriño, como os seus colegas que envían fotos facendo todos a mesma parvada. Ben sei que a percepción do risco é algo variable -a min métenme medo, incluso, os meniños en miniroulottes enganchadas ás bicis, ou os nenos medio entalados contra as barrigas dos pais, por se tropezan- pero esta chulería colectiva dos “colos toureiros” é o mellor para o desprestixio da cousa toureril... E non é mala cousa.

E a Carolina Bescansa? Visibilizar visibilizou ben a neniña. Pero máis alá da propaganda, exhibicionismo, utilización da menor e recurso a unha xustificación política facilona, creo que o que quería no fondo era simplemente presumir de nena, como calquera nai. Comprensible. Pero non pode ser. É tema de risco, “vaquillas” non haberá, pero outros animais máis perigosos, seguro que si. Microbios e bípedos. En fin, traparratrá.

Te puede interesar