Opinión

Marabillas na ICC Week

Fun a dúas mesas redondas. Na inaugural, dous homes, malagueños -Juan Antonio Vigar, director do seu Festival de Cine, etc., e José Lebrero, director do Museo Picasso- e unha ourensá, Cecilia Pereira Marimón, comisaria do Xacobeo 21-22, falaron do desenvolvemento do territorio a través da cultura, ou como cunha boa metodoloxía de traballo e intervención pode haber un grande retorno. O exemplo de Málaga está aí... Festival de Cine, Museo Picasso, Teatro Cervantes, Teatro Soho -o de Banderas-, que ilusionan unha cidade. Vigar presentounos o método, os datos e as cifras. Todo moi optimista. Pero é unha realidade moi distante. Non é o mesmo ser a capital da Costa do Sol, con case 600 mil habitantes, e ter por “vilas” Marbella, Torremolinos, Fuengirola, etc. que Ourense e ter, sobre todo, a “potencialidade” termal e da Ribeira Sacra. Se os malagueños consideran periferia, nós, por fóra do sistema solar. Pero é moi interesante a metodoloxía de traballo, a planificación de verdade, a confluencia de esforzos, etc. E se Vigar vía máis o valor da planificación constante, Lebrero dáballe entrada tamén ás casualidades e ao bo aproveitamento delas. Todo moi interesante. Achei de menos a presenza de candidatos electorais ou os que queiran ir para concelleiros de Cultura de todos os partidos. Hai que aprender da experiencia allea para non tratar de inventar o xa inventado. Son técnicos os que falan e falan do que saben. Hai que ir. Organice quen o organice, hai que ir.

A segunda mesa considero que foi extraordinaria. Titulábase “As aplicacións da intelixencia artificial na nosa sociedade” e, loxicamente, non respondeu ao título (pois diríase “en case todo” e xa está acabada a charla), senón supuxo unha reflexión intensa, documentada, desde tres puntos de vista distintos. Comezou Gemma Caldón-Calvell, fundadora da empresa de auditoría algorítmica Éticas -sede en NY-, que trata de defender ás persoas contra os algoritmos discriminatorios, que deu unha visión optimista e amable da IA, cuestionando mesmo a súa “intelixencia” ao tratar de reducir a novidade ao uso de patróns gramaticais. Logo, outro catalán, divertido e militante, o matemático Manel Sanromá, presidente da asociación CIVICAI, mantivo unha visión moi negativa do proceso e sinalou o día 30 de novembro de 2022 (cando viu a luz o Chat GPT) como unha data máis importante cá toma da Bastilla. É promotor da alarma cidadá para frear o desenvolvemento da AI sen antes dotala de normas internacionais de control, moi fixas e poderosas, tipo OIEA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica).

E logo o sabio humanista J.M. Lacalle fixo unha extraordinaria reflexión sobre o punto no que se acha a humanidade, neste borde do abismo da novidade. Vivimos na Infosfera, pois máis de 5.000 millóns de persoas se conectan diariamente á rede; do capitalismo cognitivo no que a propiedade algorítmica é a autentica fonte de poder... En fin, neste borde no que a especie humana está a punto de poder crear unha civilización artificial é máis preciso ca nunca a preeminencia da ética, da equidade e o equilibro e manter o sentido transcendente da vida, e a reflexión sobre o propósito do que estamos facendo. Advertiunos, tamén, como xa en 2015, 3.000 científicos trataran de pór limites en AI no que se refire á non fabricación de armas autónomas mortais, e como caera todo en saco roto. E tiña moi presente a advertencia, tamén, de Stephen Hawking de que o desenvolvemento dunha completa IA podería ser letal para a raza humana e compartiu a necesidade de reflexión e actuación rápida. Interesantísimo todo. E mentres, desde o mundo político, nin se fala nin se reflexiona sobre a revolución que temos encima. E é preciso. 

Te puede interesar