Opinión

MARCOS VALCÁRCEL, IN MEMORIAM

Amorte ten sempre sabor de acedume. As inesperadas e súpetas fanse sentir con simplicidade de traxedias. Outras, as tranquilas a avanzadas idades, como ramos postos a vidas plenas e redondas. Tamén as hai que nos enchen de rabia e impotencia por inxustiza presentida e sentida. E outras, en fin, incluso temos que velas como liberacións inevitables inda que, claro, sempre tristeiras. E é que a vida, as vidas, teñen un ritmo propio e cando se esgaza, cando rompe, cando se esfiaña por algunha enfermidade progresivamente invalidante xorde unha fin tortuosa e torturante que se prolonga o que a loita sen esperanza e irremediablemente perdida de anteman. O que habitualmente é un instante de flash como fotograma final, convírtese nunha imaxe conxelada, fixa, día tras día, mes tras mes.


Con Marcos Valcárcel a morte foi xenerosa no último tramo da última etapa, en últimas horas, tranquilas e lixeiras. Pero nestes dous anos e medio que agora acaban, a vida, a enfermidade da vida, non puido ser máis cruel. Pero el, xeneroso e bo, conservou a calma, o humor, digamos a profesionalidade da bonhomía, ata o último momento. Soubo responder ao agarimo da familia, dos amigos, dos coidadores, coa máxima tranquilidade, incluso creo que cunha resignación só desacougada no interno. Nos últimos meses, nas últimas semanas, era todo ollos e sorriso. O sorriso de Daniel. O sorriso de Buda co que trataba de inducir tranquilidade e calma ao seu arredor. Cando xa non podía falar, cando se resignaba a non poder intervir nas conversas máis que cun aceno de ollos ou de cellas, sorría ou tentaba rir sen poder xa dobrar a risa ante as bromas que diciamos non xa para animar, cousa imposible, senón para distraer, que tampouco é mala cousa nesa circunstancia.


María, Eire, os esforzados coidadores que estiveron con el constantemente nos últimos tempos, a familia, os amigos de Galicia toda, do Liceo, do Pen Clube, do IES A Carballeira, das Fundacións Curros, Casares, etc., da República, do Alexandre Bóveda, da RAG, da Xunta, da Deputación, do Concello, xornalistas, escritores, profesores, historiadores, académicos, blogueiros, políticos, en fin, todos os que dalgunha forma tiñamos contacto con el antes da enfermidade, intentamos comunicarlle nestes tempos duros o cariño máximo e o recoñecemento ao seu labor, á súa xenerosidade, á súa persoa. E creo que colectivamente fixemos as cousas ben. Creo que estivo orgulloso e feliz deses recoñecementos, dese cariño que todos lle amosamos.


Seica din os budistas que hai tres mortes. A primeira, a física. Outra cando morre a última persoa que te coñeceu. E a terceira cando se esquece, cando se borra definitivamente a lembranza do teu paso por este mundo. As dúas primeiras teñen o tempo tasado, fixo, cronometrado. Pero a terceira, a máis importante, din, ten que ver coas cousas que fixeches na vida. Por iso, Marcos, que fixo tanto, vivirá mentres Galicia viva. Ata máis ver, noso amigo.

Te puede interesar