Opinión

En memoria tardía: Rosa Puente

Rosita Puente, por nome completo Rosa Alberta Luísa  Puente Foglia, naceu en Buenos Aires, en 1930, filla de matrimonio mixto de “gaita” e “tana” -de galego e italiana-e foi na efervescencia da nosa colectividade, tal que unha princesiña de conto. Contábame un día a querida Cloty Iglesias, filla do actor ourensán Tacholas, e nai de Greta, que ela, Pilar Jeremías, Pérez Prado, Palmás, e os demais activistas da Asociación de Filllos de Galegos, víana ao lonxe, alá arriba. Rosita, coa elegancia dos seus vestidos vaporosos, sempre no palco, mociña soa, como unha fada rodeada de mimos de maiores e soñadores de importancia, millonarios en saberes e esperanzas, como Blanco Amor, Castelao e Prada, ou en cartos, coma seu pai, o xeneroso don Manuel Puente.  Si. Manuel Puente, quen lle puxo un apartamento ao rianxeiro e á súa dona, Virxinia, na Rúa Belgrano 2605, en canto chegaron a Buenos Aires, en 1940, e pagou logo a edición da Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo, foi xeneroso, moi mecenas tamén doutras actividades como Xogos Florais, etc., ao tempo que conseguía un lugar de primeira liña na foto da crónica de nós, alá. Ferrín aínda pode falar del. 

Con Rosa Puente tiven bastante trato cando viaxaba con certa frecuencia a Buenos Aires. Lembro un serán de café en Las Violetas, Rivadavia 3899, con todos aqueles que foran rapaces da primeira liña nos inicios do solpor. Alí vin esa distancia entre eles, amolecida polo paso do tempo, na que lle comentaban como a vían, e ela aínda se ruborizaba.

O outro día recibín unha chamada de Santiago preguntándome se oíra que morrera Rosita, e se sería certo. Puxen correo aos amigos de Buenos Aires, pero ao final, foi Luís González Tosar, amigo dela desde os anos sesenta e colaborador na Fundación que levaba o nome de seu pai -quen me acabou confirmando a nova, que xa non era:  morreu, si, pero en 2019.  

Rosiña nunca traballou. Filla única de millonario, nun país de economía desbocada como un cabalo tolo, viu esvaecerse a herdanza e acabou necesitada. O 24 de Nadal de 1966, Virxinia, aínda residía ocasionalmente –vivía entre Madrid, a Estrada e Buenos Aires- no apartamento de Belgrano 2065, porque desde alí lle escribía a Paz Andrade. O caso é que Rosiña á morte do pai en 1970 seguiu vivindo na súa histórica casa da avenida Rivadavia 3760, onde se reunía o Consello de Galiza na fin dos corenta e onde moitos tivemos o pracer de tomar un te rodeados de fotos históricas e lembranzas. Rosita, historiadora afeccionada, pescudou sobre todo nos arquivos da Federación de Sociedades Galegas -e topou marabillas, como orixinais de Picasso enviados e que alí ficaron traspapelados-. E viviu desde os oitenta cunha parella un tanto estraña: un bailarín madrileño moito máis novo ca ela. Axudouno moito. Tanto que en parte do edificio el montou unha escola de danza. Tanto que vendeu esa parte cando as cousas se puxeron mal. Rosita intentou con Fraga que a Xunta lle comprara o edificio e vir ela a Galicia, pero non foi posible. Montou unha Fundación co nome do pai e Luís González Tosar mediou para o recoñemento da súa galeguidade desde aquí. Pero a roda xira e ela púxose mala, maliña, e Paco, o bailarín cando xa non a puido coidar a internou nun asilo público arxentino, que non era o mellor sitio. Total, que ela morreu en 2019; el, a quen lle deixara toda a herdanza, en 2020, nos primeiros momentos da covid. A súa herdeira foi unha sobriña azafata de Iberia que ía por alá de cando en vez. Ela chamou a quen lle baleirara o edificio -mobles, documentos, etc.-,  vendeuno todo,  e quen lle comprou a casa e reedificou nada sabe da historia gloriosa que tivo o solar.  O mundo xira. E xira.

Te puede interesar