Opinión

Sobre os móbiles nos centros de ensino

O problema é que os teléfonos móbiles xa case non existen. Si. Non poñan esa cara, non sexan inxenuos, que non é chiste ningún. Hai tempo que só usan teléfonos móbiles as persoas moi maiores que queren aparellos que se dobren, con números grandes, e sen complicacións. Iso é o que é un teléfono móbil. Instrumentos que, como o nome indica, serven para facer chamadas telefónicas. E punto.

Obviamente eses que usan agora os rapaces, que empezaron chamándose “smartphones” agora xa se chaman simplemente “móbiles” porque os outros, os só teléfonos, case desapareceron. Pasa como cos televisores que empezaron por adxectivárense “smart TV” se se podían conectar á rede para ter Netflix por exemplo, e agora xa recuperaron o uso do substantivo en exclusiva porque só televisores, sen conexión, case non existen.

E si. O que agora por inercia seguimos chamando inxenuamente móbiles non son tal, senón unha ferramenta poderosísima o que leva aparellada, consubstancialmente, a condición de perigosísima: son calculadoras, cámaras de foto e de vídeo, gravadoras de son, ordenadores con conexión a internet e redes sociais, con imaxe e son en tempo real con calquera punto do planeta, etc. Ah. Si. E tamén para falar por telefono.

E non teño claro se o uso libre desta ferramenta tan poderosa en mans de nenos e nenas nos centros de ensino é algo terrible ou espantoso. Inda que se cadra a disxuntiva sexa terrorífico ou abominable, se pensamos nos accesos e interaccións cos ogros de verdade que andan nesas. Si. Ten que haber algún refuxio da liberdade fóra da cadea da abdución formada por uns aparellos ben máis fortes, claro, que as fráxiles mentes duns neniños en formación. E o reduto no que cultivar os vellos valores da comunicación directa e persoal máis facilmente lograble é a escola. Si. Na escola podemos -e debemos- prohibir radicalmente o uso dos móbiles. E se hai algún pai que di que as prohibicións son malas, lémbrolle que no espazo do profesor, na escola, o rapaz está, no mellor dos casos, 6 horas (1/3) do día durante uns 175 días a uns anos que teñen 365. Ou sexa, que a educación, as actitudes vitais o respecto aos demais, etc., non se poden traspasar das casas a unhas aulas que deben ser os seus complementos. E igual que deben vir das casas limpiños, comidos e cos deberes feitos, deben vir tranquiliños e non hiperexcitados xa de mañá co móbil, soga absorbente de emocións extremas e falsas. E ben saben que se lle teñen que dar un recado urxente ou algo semellante, pois velaí están solícitos os bedeis e profesores para facer o propio. A miña xeración e a da maioría dos lectores criáronse sen esa inmediatez. E xa saben vostedes os problemas de todo tipo -sobre todo incomunicación, por exceso- que existen entre os rapaces por poñerlles estas armas na man.

O outro día vin en Youtube -agora consumo bastantes documentais on line porque a tele me fai mal- e vin unha cousa que non sabía que existía: teléfonos kosher. Si. Os xudeus ortodoxos, eses tipos raros, co gabán negro da xélida Polonia no esturruxante Xerusalem, como andan obsesionados estudando a Torá todo o día e non queren perder tempo, pois declararon “kosher” -ou sexa que si lles valen- só os teléfono móbiles sen cámara, conexión a redes, etc. porque non facilitan a distracción. Algo de razón teñen, porque incluso adultos presuntamente formados coma vostede ou eu, a pouco que nos despistemos, estamos vendo parvadas na pantalliña inda esquecendo o que buscabamos.

E pois si. Non centros de ensino, aos nenos, nin teléfonos kosher. E na casa, canto menos, mellor.

Te puede interesar