Opinión

Modelos e modelaxe

Ooutro día, o venres pasado, sen saber ben o porqué, chamáronme para participar como tertuliano local no programa La Cultureta de Onda Cero que se celebrou no Teatro Principal de Ourense en relación coas actividades da ICC week. “Daba cartas” Carlos Alsina e recolliámolas Rubén Amón, Rosa Belmonte e eu en directo, e a través das ondas, Guillermo Altares e Sergio del Molino, desde Zaragoza e Granada, se non me engana a memoria. 

A distendida conversa entre 11 e 12 da mañá xiraba ao redor de dous eixos. A vida e obra de Eduardo Barreiros e a icónica fotografía de Manuel Ferrol Tousada do 27 de novembro de 1957 no porto da Coruña na que aparecen un pai e un neno chorando ambos, mentres despedían a pais e irmás -avós e tíos, no caso do neno- que marchaban no barco Juan de Garay cara a Bos Aires. A reportaxe da foto fora encargada pola Comisión Episcopal de Emigración, por iso xira todo ao redor das despedidas, confesión e oración, incluídas. O vello da foto, nada vello daquela, 29 anos, e o neno queixábanse nun programa da TVG hai anos de que ninguén lles pedira permiso nin obtiveran ningún retorno positivo do asunto. 

E pensando no tema de don Eduardo Barreiros, lembrei un día que meu avó Antonio me levou aos Remedios a ver un espectáculo aéreo no que unha pequena avioneta ía activando unha estela branca coa que debuxaba no ceo o símbolo do 8 barrado, nacido da confluencia das súas iniciais E e B. 

E si, lembro daquela época e daquel momento que determinados personaxes saídos de bastante abaixo a base de intelixencia, tesón, esforzo e capacidade déranlle forma a impulsos colectivos para cunhas necesidades de todos, funcionaban no imaxinario colectivo como modelos de referencia. Podiamos dicir Eduardo Barreiros, ou podiamos dicir Euloxio Gómez Franqueira naqueles momentos dos 50, 60 e 70, ou podiamos dicir Luis Gallego, o médico dos pobres, ou logo Adolfo Dominguez con Roberto Verino. Todas xentes radicalmente diversas, que xunto con outra ducia de persoas, unidos a admiración de colectivos como o do emigrante triunfador en Madrid, Barcelona e América funcionaban dalgún xeito como modelos de referencia para a xuventude. Admiración ou cuestionamento, pero estaban ocasionalmente presentes na conversa familiar. E cando emprendían os mozos e mozas un camiño de desenvolvemento vocacional, sabían destes exemplos.

Todo iso foi antes de que a grande mutación da sociedade contemporánea comezara a dinamitar a razón. E si, nesta sociedade de exaltación do esperpento, da banalidade, da igualación do bo e do malo, do ignorante e o sabio, pois velaí que os referentes que se proxectan para a mocidade -que hai de todo- son un virulillas, chorón metido a esperpéntico aprendiz de cociñeiro e un groseiro cantante que lle bota limón ao centolo e se bañou nunhas pozas hoxe pechadas.

E todo por aí. Menos mal que nos queda o deporte… e aínda así habería que matizar na insá obsesión, como meta única, de chegar a número un mundial, o que leva a frustración de todos menos de un.

En fin, entre outras moitas cousas importantes o que debemos facer coa mocidade e tratar de dotalos de referentes de bondade, esforzo, educación, etc.

Se os rapaces queren parecerse aos “malotes”, malotes serán. E será culpa nosa. Moita dos medios, desde logo, e dos creadores de opinión e contidos.

Te puede interesar