Opinión

Monos e orcas, etc

Dánse conta deses macacos brancos con cara vermella que viven ao redor das auga termais de Nagano, no centro do Xapón? Seguramente xa os viron na tele gozando das augas quentes no medio da neve, coas súas cariñas conxestionadas. E non lles é cousa vella. Seica empezaron a bañarse por volta dos anos sesenta, disque por imitación dos humanos. Así que cando entre eles se espallou o costume fixéronlles unhas pozas para eles afastadas das da xente. E agora é un recurso turístico básico que atrae milleiros de visitantes para veren 160 monos ben listiños, pois aínda que salvaxes, non teñen cancelas que os couten, son alimentados polos humanos para que non marchen e non lles derramen o negocio. En termas e a mantido; monos si, pero de parvos, nada.

Porque si, os animais aprenden comportamentos e son capaces de transmitilos a outros exemplares da especie. O caso deses micos é o exemplo. Pero tamén, como sabemos, son moi listos os golfiños. E igual as orcas -tamén candorcas e doutras maneiras en galego- que non deixan de ser o parente mangallón e revirado da familia dos delfíns. Listas como allos. Lembren esas imaxes de ataques conxuntos sobre a banquisa flotante para facer caer un oso ou unha foca que descansan por riba. E si, seica houbo unha, hai catro anos, que empezou a atacar barcos. Bautizárona como Gladys. Pola nova, en linguaxe tan politicamente correcta como ridícula cumpriría dicir “empezaron a interaccionar” con barcos. E saltan os intentos de explicación: Que se un día parvo deixou que batese un barco nela -non mo creo- e agora anda tratando de ensinar aos humanos que o seu é a terra. Que se por xogo aprendeu, ensinou ás colegas, e agora moitas Gladys xogan a romper temóns, etc. Moitas non. Seica nove. Si. Un experto na radio dicía o outro día que agora eran nove as “gladys” e que non tiñan mala intención e en ningún caso idea de vinganza, pois esa maldade só se lle podía ocorrer aos humanos, etc. 

Pois ben, hai orcas en todos os mares. Lin cifras na rede de 140.000 no océano Antártico e 50.000 no Atlántico. A verdade é que supoño que será difícil de concretar porque se moven moito. Pero hai para dar e tomar. E ocorríaseme unha solución para o tema dos ataques a barcos e o temor que producen nos iates e pequenas embarcacións de pesca. “Interaccionar” coas Gladys pola brava. Ou sexa, cazalas. Simplemente. Pum. Eliminar eses nove exemplares -como se son vinte- e ver se así se atalla a transmisión do “costume” antes de que aprendan todas. Vamos ver, defensa da natureza, obvio, pois nós somos parte. Pero papanatismo, o xusto. Igual que non lles temos especial consideración ás ratas ou ás velutinas, non llo debemos ter a outras pragas (pombas, xabarís ou calquera outra especie molesta ou perigosa). Lembren os accidentes nas estradas, por exemplo, ou como derraman o 70 por cento do cultivo de cereal en Ourense e a xente xa non planta. Rozar mato? Claro. Cazar xabarís a feito?, tamén. E pagando por cabeza. Mesmo crías. Para que non medren. Hoxe hai máis de 200.000 xabarís en Galicia, e máis de 10.000 piaras, cando a finais o XIX era un animal “escaso” segundo as crónicas. 

En fin, que non quero que se produzan mortes polas orcas como xa se producen polos xabarís, e non quero que a xente que anda no mar teña medo a un ataque. O que di “morto o can, acabou a rabia” non quere exterminar os cánidos, pero si controlar unha enfermidade, e eu digo “mortas as gladys, acabou o ataque” quero eliminar nove. Quedarán, polo menos, 49.991 no Atlántico. Tanta diferenza non hai. Cómpre deixarmos tanta corrección política que logo pasa o que pasa e medran as silvas políticas. 

Te puede interesar