Opinión

Na morte de Elixio Rivas


O día oito de xaneiro pasado chameino e fomos velo aos Milagros, cuns amigos. Estaba todo o rufo que pode estar un home que estea rufo aos 96 anos e medio. O que tiña, tamén, era a cabeciña toda: as vantaxes de usala con xeito e ter, tamén, sorte coa bioloxía que che toque. Diríamos, tendo presente a súa condición de “irmán”, pois crego non era, que tivo a Deus da súa parte. Explicounos daquela, sen parar, sen calar, durante unha hora, as coleccións de arqueoloxía, artesanía, arte sacra, inventos modernos, maquetas, etc. que reuniu ao longo dos últimos decenios e que ten -tiña- acumuladas para exposición no que vén sendo chamado para entenderse, museo dos Milagros. A verdade é que, co seu permiso, e coa idea de que non había máis guía da colección que o que estaba na súa cabeza prodixiosa, gravei co teléfono o que puiden. Agora tocará transcribir. O que alí hai é unha mestura ecléctica que demostra un interese que se esparexía en múltiples direccións, pois don Elixio era, dalgún xeito, un home do renacemento ó que todo lle interesaba. Agora, sen présas, con calma, e coa mente aberta que el sempre tivo, cumpría que os responsables herdeiros da colección e os responsables do patrimonio da cultura material da provincia lle dean unha pensada xenerosa sobre que facer con esas coleccións. Pero non é o tema nin o día. 

Hoxe toca laiarse da morte de don Elixio desde a satisfacción de ver como tivo unha vida plena e vizosa. Como explicaría el de “vizo”, abundancia, que non de “vicio”, maldade. Chegar á súa idade, en plena actividade, co cariño unánime das persoas que o trataron, non é pouca cousa. O home esforzo. O home compromiso. O home sabedoría. O home xenerosidade. Co seu ganapán de sabedoría, teimudo, foi apañando palabras aquí e alá ata recoller unhas 16.000 que non figuraban nos dicionarios previos, e coas súas publicacións chegou a reunir, tamén, unhas 10.000 páxinas sobre a cultura material de Galicia en máis de 20 volumes monográficos sobre aspectos concretos (A casa, a cociña, as ferramentas da labranza, arado xugo e complementos, o tear e o tecido, o muíño, o forno de pan, o mel e a cera, o viño e as videiras, etc. etc. etc.). A paixón toponímica, a histórica, a etnografía viva... En fin, varias homenaxes e premios recibiu en vida. Desde o Otero Pedrayo das deputacións, en 1980, á Medalla Castelao en 2000, á Pedra Alta do Museo da Limia en 2017; ou á medalla de Ouro da provincia de Ourense, no 2018; ano no que tamén se lle impuxo o seu nome ó albergue de peregrinos de Ourense, nun acto do que lembramos todos a súa simpatía, modestia e ganas de comunicar. 

A terra halle ser leve por boa xente. Que agardase ela por el tanto tempo, foi unha sorte para el e para todos. Festexemos, pois, unha vida plena. E na súa honra, mirémonos no seu espello da xenerosidade, esforzo e bonhomía. Xa o imaxino polo Ceo adiante, cunha libretiña, preguntándolle palabras e significados aos galegos todos que foron marchando antes ca el. Seguro que algo organiza. Descanse en paz, don Elixio. Un pracer e unha honra telo coñecido. 

Te puede interesar