Opinión

O nome da caixa: Abanca

Unha das cousas máis simpáticas que lle teño escoitado ao amigo e médico galaico porteño Antonio Pérez Prado, pobre, morto hai un par de anos, foi unha anécdota acontecida un día que foi a casa de Jorge Luís Borges para lle ler o que mandase. Sabido é que na súa vellez quedou cego e permitía que mozos máis ou menos próximos fixesen de ollos prestados para as lecturas. Pois ben, así que entrou pola porta, en canto o pasaron á súa presenza, mandoulle coller un libro determinado dun andel, e antes de comezar, espetoulle: “Dígame, por favor, todos los nombres que sepa usted para la pija. Yo sé más de trescientos”. A conversa axiña derivou por procelosos terreos tan do gusto de ambos, e a lectura foi quedando aprazada para o día seguinte. Seica a membruda acepción de “gaita” -que na Arxentina connota simplemente “gallego” por oposición a “tano”, de italiano- chamáralle a atención.

En fin, que seiscentos non , pero media ducia longa leva tido a nosa Caixa desde os tempos de Kaito ou David Ferrer. De Caja de Ahorros Provincial de Orense (1932) veu, vía natural dos tempos democráticos e autonómicos, a “Caixa Ourense”. Despois, coa integración das do sur (2000), nominal e legalmente tiña un nome longuísimo “Caja de Ahorros de Vigo, Ourense e Pontevedra”, aínda que se impuxo a marca comercial de “Caixanova”, como contraposición a “Caixa Galicia” que era a unión das do norte, digamos Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. E cando estas dúas se xuntaron (2010), tiveron a idea de chamarlle NovaCaixaGalicia, e na bancarización, crearon o NCG BANCO – o da broma de “non caga”. De alí a pouco, xa con José María Castellano á cabeza da entidade, e para satisfacción de rotulistas e fabricantes de letreiros, pasou a operar co nome de Nova Galicia Banco en Galicia, León e Asturias, e EVO Banco no resto de España. Ben. Estou convencido de que o noventa por cento dos clientes terían dificultades para saber como se chamaba a entidade hai quince días, da mesma maneira que tería problemas para dicir o prezo exacto da gasolina ou o nome dos deputados de Ourense no Congreso. Os nomes son importantes, pero non tanto.

O caso é que agora que Escotet e Etcheverría teñen xa benzóns europeas, píntanlle de novo as cubertas ao buque e póñenlle un novo nome do costado de acordo cos tempos. “Abanca”. Porque antes era “A Caixa” e agora que debe ser banco, sen máis, “Abanca”, todo xunto e en galego. Moi ben. Sobre todo se se ten en conta o sinalado polos vellos dicionarios para o verbo “Abancar”. En portugués significa “encher de bancos” –“abancaron a Praça Maior para o concerto”- e por extensión, sentarse. Pero nos vellos dicionarios galegos do XIX, xa aparece algo distinto. Di o de Marcial Valladares, en 1884, “Abancar: Adelantar trabajos, irlos en tiempo y metódicamente haciendo, para que no se aglomeren después”. O vocabulario de Francisco Porto Rey (1900) recolle, pola súa banda, “Abancar: Trabajar con orden y regularidad en los quehaceres que uno tiene de su cuenta, para que no haya varios a que atender al mismo tiempo”. E nos vocabularios da Real Academia Galega das primerias décadas dicía, “Abancar: Adelantar más en algún trabajo. Tomar la delantera a otro en una labor cualquiera”. Pois iso, Abanca, que abanque. Polo ben de todos.

Te puede interesar