Opinión

Nomes e apelidos

A orde de factores non sei se alterará o produto ou si. Depende. Sabemos todos que, nalgunhas cuestións, “Spain is diferent”, como dicía aquel exitoso lema fraguiano de promoción do turismo nos sesenta. Unha delas é o tradicional asunto dos apelidos. A min sempre me pareceu sinxelo, razoable e moi útil para establecer filiacións claras e distinguir persoas. Levar primeiro o apelido do pai e despois o da nai significa, de partida, ter dous. Así as variables combinatorias xa eliminan moitísimas posibilidades de repetición. De acordo con que existen varias persoas que se apelidan, por exemplo, “Fernández Pérez” na guía de teléfonos de Ourense, pero imaxinen só “Fernández”.

O caso paradigmático é o dos John Smith, que seica hai trinta mil na guía de teléfonos de Londres. Por iso teñen a tendencia no mundo anglosaxón de usaren varios nomes de pía, e mesmo o apelido da nai como un engadido ao nome, moitas veces abreviado en inicial, antes do apelido do pai, único que se herda. Por exemplo, John Kennedy, por nome longo sería John Fitzgerald Kennedy, ou John F. Kennedy.

O que é diáfano é que o intento de establecer relación entre os tradicionais usos lingüísticos, a onomástica persoal e a consideración da muller é disparatado. Explícome. As mulleres musulmás conservan sempre o seu propio nome e apelido, aínda as que andan co burka, e de pouco lles vale, e a Angela Merkel, bautizada como Angela Dotothea Kasner, colleu o seu apelido dun marido que tivo entre 1977 e 1978, e aínda que divorciada e casada de novo dez anos despois, seguiu co apelido do primeiro. E quen terá máis mando ao seu redor ca ela?

Loxicamente, moitas mulleres do mundo xermánico onde se dá esta asunción inercial do apelido do home, non lles gusta porque din que, en realidade, carecerían de apelido propio se primeiro usan o do o pai e logo o do home. Razón non lles falta. Pero á inmensa maioría tanto lles ten. Nin se plantean nada ao respecto. Hai que distinguir tamén entre usos oficiais e costumes sociais. Esa vella historia hispana de engadir o apelido do home precedido da preposición “de” ao propio, está case extinta, como o de presentarse como “Señora de...” e nunca tiveron rango legal.

Ben, agora eliminando automatismos neste tema, van ter que falar da orde dos apelidos os novos matrimonios, ou sexa, un motivo máis de discusión. Porque non creo que, aínda que a lei o contemple, o funcionario poida verse decidindo sobre o tema “en interese do menor”. Uns pensarían que mellor é o “raro”, e outros a discreción do “corrente”. En fin, en calquera caso, caeríanlle, seguro, uns paus que non son para el. A min, en realidade, non me parecería mal a inversión dos apelidos.

Ou sexa, que se puxese sempre primeiro o apelido da nai e despois o do pai. Porque a nai e segura e o pai, en fin, din os estudos estatísticos ingleses, que nun 3,7 por cento non o é. Pareceríame unha perda de tempo crear un problema onde non o hai, pero vale. Pensando nos historiadores do futuro, creo que todos os que temos furgado en arquivos históricos, gustaríanos un sistema claro e fixo, doutro xeito non sei como imos reconstruír as árbores xenealóxicas.

Te puede interesar