Opinión

Non chos quero, non chos quero

O concello de Ourense, por decisión creo que unánime dos seus concelleiros, regala estes días 100 euros per cápita a todos os cidadáns de Ourense. E a min, miren que cousas, non me parece ben, pois non me gustan as medidas universais de munificencia, pola mesma razón que non me gustaban os libros de textos gratis para os fillos dos pais do meu instituto que gañaban 4 ou 5 millóns de euros ao ano, que algún había. Desengánense. Ninguén dá nada por nada. “Non aceptes caramelos de descoñecidos”, dicíaselles antes aos nenos, pois cando che regalan algo, non teñen boas intencións. E canto antes se aprenda, mellor. A vida normal é un tecido de relacións mesturadas. Nas económicas, as leis naturais son “eu traballo para ti e págasme, ou ti traballas para min e eu págoche”. Ou “traballamos xuntos, co-labor-a-mos, e non hai cartos polo medio”. E “se alguén pasa necesidade, iso si, axudámolo entre todos, e moito mellor ensinándolle a pescar que dándolle peixe”. 

E non entendo o comportamento das forzas políticas todas xogando ao “arrimado” como se estivésemos nunha partida de chinchimonis entre moitos. Persoas de varios partidos comentáronme que non lles parecía ben, pero non se podían pór á contra pois a corrente ía para aí. Ou sexa, non defenderon o que crían xusto e razoable “polo que dirán”. Non é boa cousa o de arrimárense ao regaliño e deixar de lado a responsabilización precisa dos cidadáns na boa administración dun ben tan finito para as necesidades comúns como o diñeiro público. Dar cartos que non sexan de beneficencia, de caridade -palabra moi honrosa, emparentada con cariño- ou de solidariedade humana, como gusten, a quen o precise é disparate que promove a mala educación. Máxima axuda, por supostísimo, a comerciantes e a persoas necesitadas. Non sei se sería vía redución de impostos municipais aos locais, máis axilidade nas xestións de apertura, menos burocracia, máis promoción da implicación cidadá no mantemento do comercio local, axudas ao alugueiro de mozos, ao emprendemento, etc. E asistencia social a quen o precise, pero combatendo a cronificación dunha axuda que pode facer escorregar a un polo borde da indignidade. Pero de aí a furrichar cartos indiscriminadamente para todos os petos hai moita distancia. Eu non acepto o regalo. Así queda máis para quen o precise ou se queira aproveitar, e todos contentos. Eu, desde logo, apúntome á resistencia.

As colas de rapaces comprando zapatillas, xeados, gafas de sol, ou móbiles novos, servirán para dinamizar a economía ourensá? É lícito e legal darlle 100 euros aos nenos sen os control dos pais, só por teren un móbil e un DNI, obrigatorio desde que entran na ESO? Ala, resta rachada! “Xa podía haber eleccións cada quince días”, din algúns. E non sería mellor convocar a facer cousas útiles -limpar as beiras do río, ou o que sexa- e a cambio os bonos? Si. Mau por pardau. Ti fas, ti recibes. Pero non. Todos corren hoxe polo regalo. Supoño que se tivese 16 anos ou andase esfameado faría o mesmo. Pero hai realmente en Ourense cen mil habitantes que precisen axudas públicas deste tipo? Ourensán non é sinónimo de necesitado. En fin, avanza a demagoxia e retrocede o espírito crítico fronte á idea de “vai ti pillando”. Rechazo os cartos e abomino da utilización política do tema. Di a cantiga popular “Non chas quero, non chas quero, castañas do teu magosto; non chas quero, non chas quero, que me cheiran ao chamosco”. Estes cartos non me cheiran, fédenme. Se a alguén non se lle ocorre mellor forma de investir uns 10 millóns de euros de cartos públicos, non parece estar capacitado para ter responsabilidades de mando en praza. Por moitos votos que dea. 

Te puede interesar