Non me gusta

Non me gusta o termo “reconquista” porque cando os cristiáns expulsaron aos árabes de Granada estes levaban séculos alí. Imaxinen a pena de Boabdil -non me estraña que chorase- con setecentos anos de permanencia familiar en Granada cando aqueles brutos do norte lle din que marche da súa casa. Foi unha guerra de conquista como tantas outras e, por suposto, o pasado non se pode modificar nin valorar cos ollos de hoxe. Chámase historia e non é cuestión política.

O ascenso de Vox tampouco me gusta. Á parte doutras cousas, tamén por unha cuestión estética. Abúrrenme as bandeiras cando hai demasiadas iguais por metro cadrado. Por iso sempre declaro o meu amor polas do paseo de Elduayen, en Baiona, todas distintas, e xuntas, ao aire libre. Dito isto, debemos, creo, aproveitar o que de bo poida ter esta dura lección da entrada pola porta grande de Vox no Parlamento andaluz. E voulles dar a miña visión, e, claro, comezarei por algo de historia.

A malfadada II República, un proxecto colectivo ilusionante, fracasou porque quedou sen valedores. Á parte duns cantos intelectuais, parecía que a ninguén satisfacía aquela república “burguesa” ao xeito das irmás de Europa. En Asturias e Cataluña, en 1934, houbo levantamentos contra ela desde a esquerda e o independentismo, aínda que quen acabase levando o gato á auga e afogando o país en sangue, serían as forzas totalitarias, fascistas naquela altura, de Franco un par de anos despois. Os extremos, a tensión, os excesos, con distintos graos de culpa, propiciaron aquela desafección que acabou en guerra.

Por esa circunstancia debemos procurar usar a mesma vara para medir os distintos panos dos disparates de cada quen, e debemos mimar a nosa democracia e sermos intransixentes cos que ataquen. Non vale que a uns se lles permita todo e a outros nada. O marabilloso proxecto de concordia e modernidade que supuxo a transición política cara a este estado plural, democrático e autonómico, é virulentamente atacado desde hai un tempo, e resucitan, incluso a momia do ferrolán. “O réxime do 78” chámanlle despectivamente os que trataron de “asediar o Congreso” e chaman hoxe a unha sobreactuada “alerta anfifascista” por toda análise do seu retroceso electoral.

A transición foi posible porque todos cederon, porque, sabiamente, PSOE e PCE aceptaron a monarquía e a bandeira histórica e querían ser Europa occidental. Os que atacan aquel gran acordo e deciden rañar ata facer sangue nas cicatrices, abren a porta a extremismos. Si. Parece “normal” cuestionar o “réxime” desde unha parte (eliminación da monarquía parlamentaria, pactar a disolubilidade do estado, etc.) pero non desde a outra (recentralización, etc., Refugees not so welcome, etc.). E debemos aprender que hai que reforzar sen complexos a nosa historia central de pactos, esa que trouxo o estado social, democrático e autonómico actual, non porque fose un mal menor naquel momento, senón porque foi un ben maior para a historia de España.

E debemos aceptar a disensión dentro da normalidade democrática de todo aquelo que non sexa basal nela. Por exemplo, que unha persoa poida opinar que hai que amnistiar aos etarras e mandalos para casa, ou que un lingüista se manifeste en contra do feminino como xenérico, ou que un sociólogo diga que o problema do suicidio é moito maior que a hiperpresente violencia de xénero (3.569 mortos en 2016 fronte a 44 mulleres), e deben ser cousas que non leven á estigmatización con palabras grosas da persoas que tal digan. Se a presión contra o centro do sistema é moi alta, medran e sepáranse os extremos. E iso é malo, moi malo. Creo eu.