Opinión

Non vou votar

Non sei se habería algún erro no censo ou algo así. Non me chegou a tarxeta e o caso é que temo non poder votar. E iso que pensaba facelo. Creo que o teño difícil, e non creo que o poda arranxar, pero farei un par de chamadas, a ver. Falo, claro, de votar nas eleccións a presidente dos Estados Unidos. Ou presidenta, aclaro, claro. A verdade é que pensei que algo estaba a cambiar no mundo electoral, e despois de ter que escoller para o Parlamento Europeo, Español e Galego, pois agora tocábanos para o norteamericano. E tiña esta convicción porque desde as televisións e xornais que manexamos todos aquí, levábannos dando a tabarra varios meses cos candidatos. Que se Trump troupeleaba, que se á Hilaria se lle varría o sentido, que se o home dixo tal burrada ou tal outra... E lembrándonos continuamente que serían unhas eleccións transcendentais para a historia da humanidade, que se tumba que se taramba. 

Pois si. Se tan importantes son, e tanto van influír na miña vida, pois logo eu quero votar tamén. E creo que o Goberno de España debe facer algo para que poidamos votar. Porque non vén a conto que nos aturullen na televisión e que logo quede todo en nada. Algunha xustificación se poderá topar para ese voto. Que se en San Agustín, a primeira cidade habitada en Estados Unidos, no norte de Florida hai un monumento á nosa Constitución de 1812, de cando aquelo era terra española... que se os axudamos na súa independencia fronte aos ingleses, que se das columnas dos “spanish daller”, “reás de a oito”, que lles mandamos para esa loita saíron os símbolo e a palabra súa dólar... etc. Malo será que isto último non lle mova o sentimento. Seguro que Trump o entende. 

Pero eu quero votar. Quero votar. Xa sei onde quedan Iowa, Wyoming; xa sei o que é un caicu... A tele fálanos máis da NBA e dos conflitos raciais no oeste americano que dos problemas da pataca na Limia e da despoboación do rural galego. Vexo máis na tele a Catedral de San Pablo de New York que a Catedral de Lugo. Xa me formei unha opinón. Xa podo escoller, política e, americanamente falando, entre o malo coñecido e o ruín por coñecer. Entre a xestión demócrata do escuro irlandés Obama con Hilaria ao temón que provocou o tsunami desestabilizador en Libia, Siria e no norte de África, co conto chino das “primaveras árabes” -e onde agora xa non se pode nin ir- e por outra parte as baladronadas do falabarato e destemido Trump. Xa sei que aínda que Trump soe a trampa significa “triunfo” e que Clinton é un apelido que fai referecia a un “Outeiro da Vila”. Non me gusta Trump pola ringleira de razóns polas que non lle gusta a case ninguén con sentido común, e non me gusta Hilaria por fría, por encarnar a cara máis belicista do sistema e por pactar co seu home cando o caso Lewinsky o seu futuro apoio a ela para a Casa Branca.

En fin. Que no me tivesen dado a lata tanto tempo. Agora abríronme o apetite. Quero poder votar nas eleccións americanas. Para absterme, claro.

Te puede interesar