Opinión

O dereito á navalla

As relixións son moi raras. Varias mandan cubrir a cabeza. Os xudeus, para diciren que son crentes, levan a kipá no curuto -os calvos teñen un problema-, mentres que os máis ortodoxos van vestidos de inverno como xudeus polacos do século XIX e levan un chapeu e gabán negros xunto cos riciños que lle colgan a ambos lados da cabeza. Os amish, nos USA, visten como se estivesen na Holanda do século XVII, e os mouros levan o turbante, roupas frouxas e rezan cinco veces ao día. Ata as irreverentes invencións máis modernas como os “pastafaris” promoven o levar un coador de pasta na cabeza mentres esperan a chegada do deus espagueti voador. Os sikhs -lembren a canción “Minoría sij” dos Resentidos- teñen que cumprir cinco simpáticos artigos de fe que empezan por k, e que, traducidos, son: pelo longo sen cortar, peite de madeira para recollelo, brazalete metálico, calzóns de algodón –en serio, é o precepto “kashera” e son tipo “boxers”, polo inglés- e, o que nos interesa agora, o “kirpán”, a obriga de levar sempre unha daga, un puñal curvo de defensa, ao que lle apoñen ser un símbolo relixioso, como a cruz, pero que evoca o poder e a liberdade de espírito, o autorrespecto, a loita constante do ben e da moralidade contra a inxustiza e a opresión. Só se pode usar para defenderse ou defender a terceiros, pero nunca para atacar. Aínda así, están prohibidos nos avións, agás nos da India -os sikhs son, como saben, do Punxab, de onde expulsaron eles aos xitanos- que permiten kirpáns de ata 22 cm. Na actualidade os sikhs máis modernos -tipo Ajay Banga, novo presidente do Banco Mundial- facturan o coitelo, mentres que os máis rabudos e ortodoxos, pois non van en avión. 

Ben. Eu non son sikh. De momento. Que se me podo declarar muller, vaia se non me podo facer sikh. Pero non entra nos meus plans, de momento, ningunhas das dúas cousas. E podo levar calzóns de algodón, e se non levo un kirpán, si unha navalla, moito máis útil. É máis, meu avó levou sempre unha navalliña no peto, e eu desde que teño uso de razón sempre a levei. De Taramundi a ser posible. Con cachas de pau tallado ou latón ou prata. Unha de ébano é agora a miña preferida.

E vou ao miolo do asunto. Andar con navalla é un dereito histórico e tradicional. Todo galego auténtico anda con navalla, porque quere ser útil á sociedade e a si mesmo. Os que levamos navalla sabemos a cantidade de veces que solucionamos pequenos temas. Normalmente usámola para abrir paquetes ou cartas, cortar un cordel, afiar un lapis, cortar un papel, abrir un libro intonso, atornillar unha gafa, cortar un bocata, compartir un pincho, sacar unha estela cravada nun dedo, etc. etc. Que hai quen usa a navalla para ameazar ou atacar a outro? Tamén hai que fai o mesmo cunha botella rota... e non por iso prohibimos as botellas. En fin, reclamo o meu dereito a ir sen medo no tren a Santiago. Sen medo a que me saquen os gardas de seguridade a miña navalla, os meus lentes –si, podo romper o cristal e cortarlle a xugular a un que leve o lado-, o lapis –podo cravarllo nun ollo ao revisor-, ou calquera outra cousa que se lles ocorra. Terrorismo coa miña navalla, lentes ou lapis? Tamos tolos, ou? Vale. Se fago algún mal con ela reclamo para min, por adiantado, “prisión permanente revisable”, pero, por favor, deixen de promocionar a “sociedade do medo”, de considerarnos a todos potenciais violadores, asasinos ou terroristas. 

E reclamo o meu dereito á navalla. Se na India fan excepcións cos sikhs, pois non vexo eu porque en España non deberían facer excepcións cos que así o sentísemos e quixésemos andar cunha navalliña no tren. 

Te puede interesar