Opinión

O IRMANCIÑO

Odía 13 de xullo de 1849, o Antonio Otero Rodríguez, militar, e Vicenta Sotelo Puga, a quen lle viña por liña paterna un pequeno pazo en Trasalba, tiveron un fillo. Puxéronlle por nome Enrique e para marcar a data na lembranza familiar, o Antonio plantou unha laranxeira ao pé da escaleira que daba ao xardín da casa da muller que, andando o tempo, acabaría por ser asociada ao apelido do home. O Enriquiño medrou, fíxose home, fíxose médico e casou cunha señorita de Ourense, filla do alcalde, que se chamaba ela Eladia Ramona Pedrayo Ansoar. Entrambos seguiron un vello costume das parellas e tiveron un fillo. Naceulles o 5 de marzo de 1888 e puxéronlle os nomes dos pais, Ramón Antonio, e o da avoa “da casa” Vicente. Así pois, e seguindo o costume, para marcar a data, don Enrique plantou unha árbore, desta volta unha araucaria, aínda que os científicos, rompendo a verdade literaria, digan que foi un pinsapo. Por iso, coñecedor das historia das árbores ligadas a seu pai e a el mesmo, sempre falou Ramón Otero Pedrayo da árbore como “meu irmanciño”, pois, sabido é, outro non tivo.

E por iso, cando un furacán derruba a araucaria irmá entre outras varias árbores da Casa Grande de Cimadevila, en 1972, e estraga parte da solaina e o tellado, Otero escribe un pequeno texto titulado “Meu irmanciño” a el dedicado. Publícallo a Deputación -son dúas follas- e leva un debuxo de Prego de Oliver. E manda gardar a madeira da árbore para facer o seu caixón definitivo, cousa da que sabe algo Acisclo Manzano. Esta é en síntese a historia do “irmanciño” de Otero Pedrayo.

Pois ben, este entrañable nome de “irmanciño”, con toda a bagaxe coñecida que lles acabo de expor, foi asumido, cousa moi de agradecer porque axuda a popularizar a historia, por Yosi e os defensores da continuación do cedro nesa rotonda que hai por tras da catedral. 

Pero como as verdades son independentes de que as diga Agamenón ou o seu porqueiro, creo que é boa cousa eliminar a árbore. E desde o meu punto de vista de cidadán normal, sen ter que andar con compoñendas políticas, creo que o tema é simple: unha árbore nunha localización inconveniente medra de máis, dificulta a visibilidade nunha rotonda sen sentido, e máis entorpece a visión dun dos emblemas de Ourense, tálase, trocéase e pícase para leña; e a ramallada toda, para a biomasa de Allariz. Full stop. 

E un par de reflexións. As cidades con verde, con árbores e espazos con herba son moito máis humanas e vivibles que o resto. Temos un clima bastante propicio, temos un xardín botánico de Montealegre e unhas beiras do río deliciosas. Hai que xestionar mellor o tema. Pero teñamos presente tamén que Galicia nunca na historia, por desgraza, houbo tantas árbores. E digo desgraza, porque isto fala do abandono do medio rural, de como as terras de labor e as hortas foron deixando paso ao monte invasor en vez de acometer o cambio de modelo cara a unha posible silvicultura organizada. Así, hoxe, din os especialistas que disto entenden, hai 1.625,5 millóns de árbores, ou sexa uns seiscentos e pico árbores por galego. Que non está mal. A discusión sobre esta piollada -cortar unha árbore que a moitos molesta- chega ao esperpento. Teño lido “asasinato”. 

Desde logo, hai moito que mellorar na xestión dos espazos verdes da cidade; hai moito póla que cortar, por exemplo, no Xardín do Padre Feijoo que xa non se ve a estatua, moito verde que meter no do Posío, moita árbore á que lle liberar o pé do asfaltado que lles fai apodrecer as raíces. En fin, seguro que hai moito que criticar do actual grupo de goberno da cidade como para interesarse máis polo pirixel que polo cabrito. 

Te puede interesar