Opinión

"O normal" e o clima

A verdade é que unha das cousas que máis me amola das noticias na tele é o exceso de información do tempo. Barallan como posesas e posesos os que dan “os partes”, cunha información redundante do que se ve en pantalla. Se hai signos de chuvia e raios sobre Ourense e sol en Almería, e nos din “haberá treboadas en Ourense e fará sol en Almería”, que achegan de interese? A menos que vaian dirixidos a cegos que, loxicamente, son máis xente de radio. E os mapas coas temperaturas, outro tanto; cando os vemos, buscamos cos ollos os nosos focos de interese por ser onde vivimos, onde queremos ir ou onde viven xentes “nosas”. E é, si, moi cansativo que nos volvan contar e repetir o que xa estamos vendo.

Pero é a obsesión polo tempo. “Chove máis ou menos do normal, situación anormal”, etc. O bucle da influencia antropoxénica asociado á información do tempo é dogma de fe case relixioso que, como as oracións musulmás de cinco veces ao día, tende a erosionar a liberdade de análise, reflexión e criterio. Estou seguro que o nacemento do pensamento libre en occidente está en relación cunha relixión “pouco esixente” como o cristianismo, onde só é preciso para cumprir formalmente, ir media hora á semana a unha misa. Pero a disciplina das cinco chamadas á oración do muecín ou da intrusión na gastronomía fan do dogma algo tan presente, tan constante, que non hai case capacidade de liberación. 

E debemos actuar no coidado a natureza e as persoas co máximo respecto, como se todo dependese das nosas accións, cousa que, evidentemente, non é. Se hai un tsunami, unha tormenta solar, un furacán, unha sarabiada tremenda, un corremento de terras, a explosión dun volcán, unha nevada como Filomena (que encheu embalses e acuíferos) é algo que non podemos controlar. Así que vaiamos ao que podemos, con calma. Controlemos a minería salvaxe -como a da busca de litio-, os residuos tóxicos -como os producidos pola baterías dos coches eléctricos-, bolsas de plástico, etc.; castiguemos o baleirado de embalses para produción especulativa de enerxía eléctrica, como aconteceu este ano, etc. pero nos nos fagamos responsables do incontrolable. 

Aí unha das tácticas máis curiosas para obsesionar ao público é o da “anormalidade”. Cando oio na televisión noticias alarmantes sobre a seca e din que choveu, por exemplo, “un cincuenta por cento menos do normal”, penso no difícil que é definir “normal”. Cal é a poboación “normal” do planeta?, os 500 millóns de 1500, os 2.500 millóns de 1950 ou os máis de 8.000 millóns de hoxe? Que Bangladesh -cinco veces tamaño de Galicia- teña máis habitantes que Rusia, 590 veces máis grande ca nós, é normal? Mellor, pois, falaren de “media” e de en que tempos está medida esa media. Porque nunca haberá un ano que coincida exactamente coa media, co seu “normal”. Por exemplo, leo, nos boletíns da Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía) que entre outubro do 22 e marzo do 23, choveu un 11 por cento menos da media dos últimos vinte anos. Ou que desde ese outubro ao 6 de xuño pasado, houbo un 20 por cento menos de precipitacións, e non me asusto nada. Creo que son cifras “normais” de variacións: uns anos arriba; outros, abaixo. Desde logo o mapa de humidade da Axencia hoxe, parécese moito ao da Enciclopedia Álvarez, de España seca e España húmida. Os pozos, aquí, botan por fóra.

En fin, na carreira explicábannos que a vida do ser humano non daba para falar das magnitudes das eras e dos cambios -períodos glaciares e interglaciares, pluviales e interpluviales- pois eran de ducias e centos de miles de anos e non se sabía ben porque se producían. Coidemos o planeta, por suposto, pero sen obsesións nin integrismos dogmáticos. 

Te puede interesar