Opinión

O "obrigado" de Sánchez

Opinión

O "obrigado" de Sánchez

Se cadra foi por cortesía que o Sr. Sánchez así se dirixiu ó membro do BNG que, por sorte, exerce ese dignísimo vintetresavo da representación galega no Parlamento Español. O certo é que o madrileño non facía máis que “asegundar” na fórmula de despedida que usou o Sr. Rego na súa estrea parlamentaria. Sabido é que moitos galegos estamos especialmente interesados en potenciar o coñecemento dun portugués irmán que tantas portas pode abrir sen pechar ningunha. E digo o portugués irmán, entre outras cousas, porque o feito da irmandade exclúe a confusión de identidade. Ou sexa, un é irmán do seu irmán, pero non é seu irmán. Un pode, tranquilamente dicir “obrigado” e outro “graciñas” e seren irmáns próximos e, mesmo, ben achegados.

Hoxe varios lingüistas portugueses están furgando/reflexionando sobre o tema. Un deles, Fernando Venâncio acaba publicar un libro esclarecedor (Assim nasceu uma lingua. Sobre as origens do portugués, ed. Guerra e Paz, Lisboa, 2019). E vén afondar no tema de como o galego emigrou desde a súa zona de formación, a Galecia Maior, ou sexa Galicia e o norte de Portugal, ao o sur. E como unha vez rematada a reconquista e afianzado o estado, precisa dunha referencia identitaria lingüística, máxime cando a maioría da zona de formación quedou integrada no estado que ameazaba a súa propia existencia. E a partir de 1430, aproximadamente, dan en falar xa de lingua portuguesa -cando a expresión lingua galega -que incluía a que se falaba en Lisboa, claro- aparece mesmo en textos provenzais que citan a nosa lírica, en 1290-.

Daquela increméntanse ata facérense case únicos, os xiros do sur, nun proceso de “desgaleguización” militante por parte dos escritores do novo estado. Entre eles o paroxismo do uso do -ão para varias terminacións anteriores e outros casos que debulla polo miúdo o Fernando Venâncio. Despois, é un puntiño cruel con moitos reintegracionistas galegos, aos que pon a caldo por afeccionados e polo descoñecemento da historia da lingua. Ben. Mais ese non é o tema. O tema é, arestora, o “obrigado” de Rego e Sánchez.

O profesor Venâncio di nun artigo en “Ciberdúvidas da lingua portuguesa”: 'Só a partir de 1830 se documentam obrigados de feição moderna. “Obrigado pelo elogio”, diz uma personagem de Garrett. “Muito obrigado pela agradável surpresa”, escreve o próprio numa carta. Os testemunhos brasileiros são ainda mais tardios.' E antes como dicían? Pois “agradecido”, “bem haja”, “grato”, etc. Ou sexa, que a forma “obrigado” nesa feição moderna, non como participio de obrigar, é exclusiva do portugués e non pertence á época común da lingua. 

E nós como dicimos?. Os vellos antes usaban “Benzón” ou “Beizón” e tamén cousas como “Moi agradecido” e por suposto, a máis usual, con orixe común co castelán, portugués, italiano, etc. Gracias ou grazas. A min éncheme o ollo -falando enxebre-  dicirmos “graciñas”. Da positiva familia de agradecer, agradable, graza -estado, don-, gracioso, gratificante, gratis, e da escultura das Tres Grazas. Así pois, deixemos de enredar e digamos, sigamos dicindo, “graciñas” que é a nosa forma afectiva, empática e intraducible -imaxina alguén “gracitas”?- e paralela á forma portuguesa, “obrigadinho”. Por certo, que os dicionarios portugueses, Priberam, on line, p.ex. recollen “Graças”: Agradecimento. (ex. Dê graças aos ceus; dar graças pelo fim da guerra)… e como interxección: Interjeição que indica agradecimento ou gratidão= Ben Haja, obrigado.

Ou sexa, obrigado, nunca foi galego e nunca nos identificou colectivamente. O máis de noso é dicirmos, por exemplo, “Graciñas, por leren este texto”.