Opinión

Ofensa ao galeguismo

Os galeguistas chamáronse sempre entre eles “irmáns” por compartiren unha proximidade humana, unha unión no esencial que non impedía diversidade de visións. O amor a Galicia, o esforzo por facer dela unha terra mellor, era ese algo esencial, e o resto, todo o resto, complementario. Ofender a un era ofender a todos. Por iso Alenxandre Bóveda cando Filgueira creou a Dereita Galeguista, defendeuno n’A Nosa Terra e dixo que estaba seguro que onde estivera Filgueira estaría sempre “un obreiro da Causa Galega”. Por iso a muller e a familia de Bóveda mantiveron sempre unha amizade fonda e intensa coa familia Filgueira por riba das maledicencias que eles sabían mentiras. Por iso Castelao fala ben de Filgueira no “Sempre en Galiza” e por iso, cando Filgueira era xa director do Museo de Pontevedra, confiou nel como custodio do seu legado, e propiciou que todo quedase nesa institución que el mesmo axudara a erguer.

E que dicir da amizade Otero Pedrayo e Filgueira Valverde? A pouco que se saiba do tema, recoñecese o papel de ponte de Losada Diéguez, primeiro atraendo ao grupo de Ourense e despois, desde o ano 1919, como profesor –xunto con Castelao, por certo- do propio Filgueira en Pontevedra. Desde aquela, o galeguismo auriense, conservador, católico, demócrata e liberal, sempre tivo un fío de relación intenso, directo e constante co de Pontevedra e Vigo; con Filgueira e Paz Andrade, especialmente; moi por riba da relación que tivo co resto de Galicia. E a pouco que lese un, preparando unha opinón directa sobre o persoeiro das Letras Galegas do ano, lembra como Filgueira sinala como momento transcendental na súa vida un día de maio de 1922, en que Otero deu en Pontevedra unha charla no marco da exposición inaugural do Album Nós de Castelao.

Tiña Filgueira dezaseis anos. Pero tamén podemos ler algún dos libros publicados estes días polo profesor Alonso Montero –nada sospeitoso de franquista, creo- e instruírmonos un pouco sobre as gabanzas que Otero lle dedica a un Filgueira polígrafo da altura do Padre Sarmiento. Ou como publica centos de libros e artigos e dicta centos de conferencias ao longo dunha vida dedicada ao impulso organizativo da cultura galega. Desde o Museo de Pontevedra ao estudo da lirica medieval. Desde a constitución do Seminario de Estudos Galegos en 1923 á consolidación do Consello da Cultura Galega na súa nova sede de Raxoi, en 1994.

Tiña razón Bóveda, mártir católico e galeguista, sempre foi Filgueira un “obreiro da Causa Galega”; un dos máis produtivos. El fai, por exemplo, o primeiro chamamento público, en 1941, a que continúe a lírica en galego: “Porque non seca a morte a fonte das cantigas eu vos chamo, segreles, que veñades cantar...”. El ergue a primeira editorial que edita en galego despois da Guerra Civil, Bibliófilos Gallegos (por certo, apoiada economicamente, entre outros, por Manuel Peña Rey, pai). El colaborará na recuperción da Casa de Rosalía... Falamos dos anos corenta. E grazas a el, por exemplo, Lores, alcalde de Pontevedra, ten hoxe unha cidade preciosa, salvada da especulación que nos inicios dos sesenta destrozou a maior parte dos cascos históricos, por Filgueira Valverde, alcalde entre 1959-68, pero non xefe local do Movimiento: a súa condición para aceptar. A Celulosa de Pontevedra, iníciase, por certo, en 1956.

En fin, que o Concello de Ourense nas súas actividades das Letras Galegas 2015 non inclúa nada específico sobre a figura de Filgueira, tan amigo e amado sempre por Otero Pedrayo (por certo, Cronista oficial da cidade, no franquismo) enténdoo como unha desconsideración a todo o galeguismo cultural e moi significativa da desorientación dos socialistas no que teña que ver coa cultura galega, sempre abandonada nos gobernos coalición en mans dese nacionalismo dominante que acostuma a proxectar unha visión sesgada, parcial, interesada e manipulada da historia de Galicia e do galeguismo.

Te puede interesar