Opinión

A ofrenda do Antigo Reino

Tendo á inconoclastia light. Non me “poñen” os símbolos. Nin as bandeiras, nin as marchas, nin os escudos, nin os himnos, nin as imaxes, nin os ídolos. Pero os dous movementos iconoclastas bizantinos dos seculos VIII e IX, e a adversión as imaxes do mundo islámico, estragaron unha boa parte do patrimonio cultural antigo do oriente mediterráneo. Por non falar dos neoiconoclastas bárbaros islámistas actuais que desfán todo o que sabemos por aquela zona onde se ata e desata o embigo do mundo.

Si. Símbolos poucos e suaves. E respecto para os que lles gusten e para os que non. Por iso a non presenza dos alcaldes das mareas na ofrenda do Reino de Galicia en Lugo non é nada agresiva, e non me parece ben que a Igrexa os critique. Simplemente, non van. Entenden que os seus votantes votan polo cambio e que isto é parte dese cambio. Moi respectable tamén me parece que o alcalde de Santiago pida ao monarca que non lle encargue a ofrenda; estaría incómodo e debe evitalo. Aínda así, creo que son temas radicalmente distintos -case diría opostos- e que, talvez, se enganen.

Empecemos por Lugo. Creo que todos vostedes están de acordo comigo en que a Marcha do Antigo Reino de Galicia e preciosa. Cóntanos o sabio Filgueira Valverde que foi recuperada por Manuel Lugrís Freire dun velliño gaiteiro na Coruña na primeira década do XX. Despois, fíxose popular e volveuse interpretar no acto da Ofrenda de Lugo desde a década dos vinte. E logo espallouse e, sen letra, como unha especie de himno galego bis. A min, desde logo, gustaríame que fose este o himno e non o dos piñeiros faladores. Porque non ten autor coñecido e se funde nas raíces do tempo. Pero ese non é o tema. A cousa é que esa reunión dos alcaldes das sete cidades capitais das provincias do Antigo Reino de Galicia é a única mostra ininterrompida que queda daquela vella personalidade antiga. Por iso, eu creo que fixeron mal non ir. Que debían desta vez, como se vai aos bautizos e funerais, por protocolo, e nun xantar dos sete alcaldes, aos postres, cando xa estivera o ambiente distendido -e Lugo non é mal sitio para iso de comer e falar- ver de reformar a tradición para os vindeiros anos. Sacudirlle a caspa, facela máis laica, máis festeira, integrar as novas autoridades de Galicia de hoxe -Xunta e Parlamento-, facela máis popular e actual nunha palabra. A transformación da vella esencia de Galicia (con parroquias de orixe relixiosa, con festas todas ao redor do santoral, cun escudo relixioso que nin o Vaticano) debe facerse sen violentar os sinais de identidade. E a reunión dos alcaldes das sete cidades pódese considerar como o único e máis vello símbolo de resistencia da identidade política galega preexistente ao estado liberal e uniformizador do XIX.

Moi polo contrario, a ofrenda de Santiago é algo que xira non ao redor da esencia de Galicia, senón da de España. E aquí, claro, pódense, desde a súa ideoloxía, tomar dúas posturas. Unha, a escollida por Martiño Noriega, de ningunha participación e punto. A outra, filotroskista, intrista, de aproveitar a partipación para visibilizar, como se di agora, a importancia de Galicia, e a esencia diversa e plural de España e falar dos problemas. Eu sonlles máis de desatar e atar que de cortar e romper.

Te puede interesar