Opinión

A orixe Auriense do éxito de Camilo José Cela

Cela foi un escritor de máximo éxito porque era bo no que facía. Ou sexa, en escribir e en promocionar a súa obra. Ata inventou un personaxe antipático, serio ata a saciedade, algo túzaro, ao que axustou sempre as súas aparicións públicas. Coñecido é, tamén, o seu traballo sistemático e constante -papeletas con anécdotas gardaba para incluír nas obras- e o seu esforzo nas relacións en busca dese recoñecemento total. E púidolle saír mal -hai moita xente que vale, se esforza e traballa, pero non ten os fados da súa parte- pero saíulle ben, magnificamente ben. E eu creo que na raíz dese éxito hai un momento preciso, no que se lle cruza unha persoa que vai facer que se desencadeen unha enxurrada de circunstancias favorables que CJC aproveita e remata. E esa persoa providencial era de Ourense. Resúmolles.

No ano 1952, un ano despois da publicación en Buenos Aires de “La Colmena”, nunha viaxe organizada co impulso do estado, Camilo José Cela percorre Ecuador e Colombia para reforzar a idea de hispanidade conforme aos ditados do poderes do momento. A súa personalidade ambigua -próximo ao poder, pero censurada a súa obra recente, vividor, etc.- fanlle contectar con uns e con outros. Con exiliados e con xente próxima ás ditaduras. E sabedor da súa presenza en Colombia, Silvio Santiago, o escritor de Vilardevós, á sazón xa millonario e dirixente do Centro Galego de Caracas -aínda non había a actual Hermandad Gallega- convídao a pasar unha temporada en Venezuela, a gastos pagos, e a dar unhas charlas no Centro Galego. Meu dito, meu feito. Chega o 22 de xullo de 1953 e axiña Silvio o acolle na casa e introdúceo nos círculos do poder. Había poucos anos un golpe de estado afastara da presidencia ao escritor progresista Rómulo Gallegos -con moitos vinculacións con Bueu, por certo- e gobernaba á sazón o ditador Marcos Pérez Jiménez. E para conseguir poñer a Venezuela de moda no panorama mundial e escurecer a influencia de Rómulo, encárgalle unha triloxía de novelas en que enxalce o país. Tratábase de atraer, tamén, poboación europea. O caso é que Pérez Jiménez, para pagar o encargo, vai ao Banco da Nación, apaña un par de lingotes e dállos en man. Hai unha foto preciosa de Camilo José Cela, dentro dun avión, cos lingotes no colo e un pistolón ao lado. O caso é que Cela volve a España, co ouro compra casa en Mallorca e funda Papeles de Son Armadáns. Pídelle a Silvio que lle envíe modismos llaneros para incluir na obra. Así publica (1958) “La catira” -a loira, para nós-, obra moi mal acollida pola crítica venezolana por exceso de impostura. etc. Silvio, ao seu pesar, foille enviando as críticas demoledoras, ao que Camilo contesta con ironía: “Como Rafael el Gallo en la reseña de una su malhadada tarde de toros, ya puedo decir que hubo división de opiniones: ¡unos se cagaban en mi madre y otros en mi padre! Vivir para ver...”.

A amizade entre Camilo José Cela e a familia de Silvio Santiago –o propio Silvio, a súa muller Josefina e a súa filla Silvia- mantívose constante ata que a morte os foi levando. Hoxe Silvia, muller xenerosa, desperta e vitalista, residente en Coruña, pero con frecuentes visitas a Vilardevós, é a que garda a memoria desta relación. Sen aquela oferta de Silvio para que fose a Caracas, sen aqueles lingotes de ouro, a historia podía ter sido outra. Seguramente.

Te puede interesar