Opinión

Ourense no tempo

Un “must” como dirían os modernos. Ou sexa, que hai que ir. Ou si ou si. A cousa, como ben explicou no acto de inauguración da exposición Manolo Gago -un fervello de enerxía e positiva e expositiva-, comezou hai moitos anos, tal que en 1991. Daquela, cando a nova Galicia administrativa comezaba a esperguizarse, houbo en Santiago unha grande exposición titulada “Galicia no tempo”, comisariada polo profesor García Iglesias. Recolleu en San Matiño Pinario, á parte do propio edificio, unhas 250 pezas da historia da nosa plástica. Desde torques de ouro, ata sedentes castrexos; desde esculturas de Asorey, a Iñaki Basalo; desde a Inmaculada de Juan de Juny, ata obras de Faílde, Paco Leiro ou Silverio Rivas. E en base a ela, fíxose unha primeira serie documental na TVG e Milladoiro sacou un CD co mesmo título, pois compuxo a música ambiente na mesma. Unha modernidade. Unha posta de longo de país. Sabíamos e diciámoslles aos visitantes, xa eramos moitos máis ca pulpo, empanada, gaita e paisaxe. Tiñamos a nosa normalidade histórica, un tanto revirada, pero nosa, existente. Pasado, presente e futuro. E no mundo. Despois viñeron outras moitas exposicións, grandes e menos grandes. De arte e historia. Do local e do universal. Unhas en Gaiás, outras itinerantes. Sempre interesantes.

E con esta serie de “Cidades no tempo”, cuxo nome evoca a aqueloutro de que falamos e personalizado en cada unha delas, a Xunta e Afundación, a obra social de Abanca, seguen aquel ronsel. Se descubrimos nos inicios dos noventa unha Galicia culta en diálogo co mundo, agora chegado o cuarto de século do XXI, descubrimos que non todo é aldea. Si. Haberá 32.000, pero os eixos conformadores da entidade histórica, os motores do cambio, do presente e futuro, son as cidades. E tamén o foron do pasado. Non hai moitas voltas que darlle. E cada cidade teña a súa esencia. Non é o mesmo a forma de vivir e relacionarse en Ourense que en Vigo ou Coruña. E si, esta xeira de exposicións deben servir, sen dúbida, para promover esa reflexión sobre a propia identidade cidadá e a súa articulación no conxunto.

Unha mostra nas salas de Afundación que recolla toda a historia da urbe desde aras romanas aparecidas nasa Burgas á guitarra acústica do Yosi ten que ser, necesariamente, superatractiva e ter un punto de popurrí. Porque as exposición monográficas son moi interesantes para os especialistas -lembro unha de gravados sobre a iconografia xacobea no barroco, excelente- pero dificilmente atraerán ao grande público. O que, por outra parte, non é, por suposto, demérito ningún. Pero o feito de que sexa tan ecléctica no temporal e no temático fai que o rango de atractivos, o público potencial, sexa moi amplo, universal. O mapa de Cudeiro para os de alí; a miña querida tampa de sumidoiro de Canedo -e dígoo porque escribín dela nestas páxinas hai trece anos- para os pontinos todos; os cadros, as esculturas, os escudos, as fotografías, a mirada nova sobre fachadas, as instalacións, as voces, etc. Ademais está moi ben montada. Vese que hai cartos, profesionalidade, competencia. E que hai un esquema que se repite de cidade en cidade o que facilita o traballo e permite cotexar experiencias. A nivel de deseño tamén está moi lograda. Os textos, lixeiros, tanto porque espantan á xente como porque o importante son os obxectos e as imaxes en si.

En fin, felicidades a Gago e ao amigo Eguileta porque a cousa está ben resolta, e así converteuse, cóntanme os encargados da sala, na exposición máis visitada en moito tempo. Vaian. Non teñen desculpa. Inda por riba é gratis e céntrico. E despois, a tomar un viño. Hanlle prestar ambas cousas. Seguro.

Te puede interesar