Opinión

Outra ollada sobre a visita

Como non andan seguido por estas terras, dá para falar algo máis esa visita tan nomeada e fulgurante dos reis ao Pereiro. Empecemos coa escolla do lugar. Non creo que na Zarzuela teñan un control exhaustivo dos milleiros de centros de España. Así que deduzo, sen moita marxe de engano, que os responsables de que viñesen ao Pereiro hai que buscalos nos despachos da Consellería; e sendo o titular de Ourense, non parece alleo a esta decisión. Primeira reflexión: imaxina alguén un conselleiro do Bloque promovendo un acto nun centro comandado por un público militante do PP? Chapeau, pois, á falla de sectarismo da Consellería.

E isto lévanos a outra realidade. O director, excelente no seu papel –aínda que incómodo coa gravata- fixo o discurso que quixo, reivindicador e adecuado ao contexto, pero tivo que ver como os seus compañeiros de formación e sindicato trataban de boicotear o acto coa manifestación convocada ao efecto. Que o eterno liberado sindical santiagués, líder dese grupo, Anxo Louzao, se quixese facer intérprete da voz de Ben Cho Shey –supoño que en contacto a través dunha ouixa- para atacar a visita e falase do “cinismo e hipocrisía” do acto, simplemente amosa a realidade dun despistadísimo nacionalismo que se move entre o doutor Jekyll e Mr. Hyde. Unha personalidade normal, afable, culta, educada, e outra tremebunda, irascible, desquiciada, pouco formada, extremista... En que quedamos? Xestión ou berro? Iniciativa, informe, proposta, ou pura pancarta, camiseta, bandeira e megáfono? Que a concelleira ourensá dinamizadora do sector téxtil, estivese alí, berrando contra a visita, parece fóra de lugar. A ver que discurso e xente meten para as eleccións, que poden quedar fóra do Concello. 

E conste que, aínda que a agradeza, a visita non encheu as miñas expectativas. Gustaríame que o rei tivese falado máis en galego, fixese máis referencias á realidade do lugar onde se desenvolvía o acto, O Pereiro, Ourense, Galicia, e tivese, en xeral, outro ton máis próximo. Un acto para España desde aquí, podía, e creo que debería, ter un sesgo recoñecedor da nosa enriquecedora pluralidade cultural, máis intenso que o que lle deu nesta ocasión a Casa Real... e ben lle cumpría no momento histórico actual. O discurso lino na web da Casa Real, pareceume serio de máis. Aínda que era un acto protocolario, ao ser nun centro de neniños, podería ter sido todo un algo máis desenfadado, incluso sen tanta gravata e político, e máis pais, nais e veciños. E as referencias a “problemas muy graves”, “dificultades para la inserción laboral”, “hecho triste”, “abandonado sus estudios en edades tempranas”, “situaciones dolorosas que truncan el porvenir de esos jóvenes” , “lastra el futuro de la sociedad”... podían deixar paso a unha visión máis optimista. Tres veces dixo contra o final “si tenemos éxito...”, como se fose posible non o ter. Eu pódolle asegurar que si, que teremos éxito. Que o futuro será destes nenos ben formados, con escolas, profesores e discursos actualizados. Que cren no que fan. E se hai problemas, que os hai, tamén hai vontade, compromiso para superalos. Con decisión e optimismo.

Te puede interesar