Opinión

OUTRA RACIÓN, POR FAVOR

Grazas a Marnotes falamos todos un pouco estes días dos nomes do cefalópodo ese de oito rabos que, cunhas areíñas de sal e de picante está delicioso. Eu fíxeno, entre outros sitios, na sala de profesores, onde, naturalmente, sempre se aprenden cousas.


Primeiro, os de francés dician que tiñan un dobrete; ou sexa, que tiña dous nomes: pouple e pieuvre, palabra posta de moda desde finais do século XIX por Victor Hugo. Se vostede mira na web 'pouple a la galicianne' ten, máis ou menos, os mesmos resultados que buscando 'pieuvre a la galicianne'.


Os italianófonos, que algún hai, tamén daban conta do seu dobrete, polpo e piovra, este último de influencia gala e convivindo cun vulgarismo cultista, polipo. Se vostede busca polpo/piovra/polipo alla galiziana, San Google, diríxeo ao mesmos sitios. Tamén é de destacar que os italianos utilicen sempre la piovra, metaforicamente, para referirse á Mafia, e nunca 'il polpo'. Hai serie de television de moita sona con ese nome.


Os de alemán, as de alemán, digo, igual que as de francés, que isto das linguas parece cousa de mulleres, se cadra por iso falamos de linguas maternas, en fin, as de alemán deixáronnos desconcertados e déronnos unha pista intersantísima. Saben como lle din alá? Pois nin máis nin menos Tintenfsich. Peixe de tinta. E nin unha cousa nin outra, claro. Xa, pero é que os alemáns, como non o comen, non lle teñen nome. Denomínano coa mesma palabra do calamar, onde engloban todo o que ten rabiños e se move polo océano. Miro na web e alí, efectivamente, topo unha imaxe do Tintenfich auf Galizische art e unha receita do Tintenfisch Pulpo Gajego que dá medo. Cumpríalles unha señora do Carballiño para aprenderen. E, si, teñen outra palabra, Krake, relacionada co monstro que na mitoloxía noratlántica comía barcos. Pero non reparan en usar a palabra inglesa octopus sen que lles pase nada, aínda que tamén se encontra na web a historia do Kraken-Orakel-Paul, aquel que prognosticou a vitoria de España en Sudáfrica. Un monstruo, desde logo.


Ou sexa, as xentes que non o comían nin nome lle tiñan. Os ingleses seica eran deses, e así, nos inicios do XIX deron en usar unha palabra científica, Octopus, que, como vemos, non ten nada de inglesa. E mesmo dubidan hoxe no plural octopuses (maioritaria) e octopi, como se fose latín. E iso que vindo do grego debería ser octopodes.


E fin, a nós parécenos imposible que haxa culturas á beira do mar que non o coman nin lle teñan nome. O mundo élles tan raro como o bicho. O outro día, sen ir máis alá, nun destes sitios da internet onde se parolaba do tema, entrou un rapaz radical radical a dicir que o do nome era unha parvada, que o malo era o salvaxismo asasino de matalo para comelo. E acababa ameazando: 'Maçadores de pulpo e comedores de carne de animal escravizado, havedes pagar polas vossas crueldades!' e remataba cun 'FREE THE OCTOPUS', sen dar co plural.


Sabemos que hai xente para todo e que cando o demo non ten que facer espanta moscas co rabo... Pero que rabo? Rabo de pulpo? Non creo. Comiamosllo.

Te puede interesar