Opinión

Outra vez Erdogan

Comenteilles nalgunha ocasión que na praza do Hipódromo de Sultan Hamet, en Estambul, hai un monolito levado de Exipto que na súa inscrición en caracteres latinos pon “dificilísimo” para explicar como foi o traslado daquel pedrolo polo mar e o que houberon de facer para erguelo.

E si, dificilísimo é opinar tamén sobre a cuestión da Turquía actual e sobre a posición e evolución de Erdogán. O tal, despois de décadas de corrupción da xunta militar, herdeira laica do pai da patria Ataturk, soubo atraerse a simpatía da maioría da poboación cunha ideoloxía nova, difusa, que el sinala como islamismo democrático e recuperadora do orgullo nacional e nós cualificamos, tamén, de personalista. Di, por exemplo, que se en Europa hai partidos cristián-demócratas ou social-cristiáns, porque non vai poder existir o islamismo democrático? É esa Turquía que se fartou de petar na porta da UE para entrar no seu selecto club e amaga con cambiar de obxectivo e mirar ao leste. Pero para a UE non é o mesmo absorber uns poucos millóns de, por exemplo, búlgaros, para sacalos, de paso, da atracción prorrusa, que integrar un país pobre de setenta millóns de habitantes, que sería un dos máis poboados e extensos da Unión, con fronteiras de sangue e guerrillas activas, na zona máis convulsa do mundo.

Podémoslle pedir ao aliado turco que exerza o poder cos mesmos métodos e recursos que se vivise no Barrio Latino de París, no de Salamanca de Madrid ou na Piazza Navona de Roma? Un meu amigo de Estambul, orgulloso da súa nacionalidade kurda, ben relacionado cos círculos do poder actual, comentábame hai un par de anos que igual que non podiamos confundir ETA cos vascos, non podiamos confundir PKK cos kurdos. Que a cousa era moi complexa e que desde Europa se vía todo cun reducionismo simplificador. E que se cadra a aposta por Erdogán e polo seu poder forte podía ser a garantía do freo a ese Estado Islámico co que eles teñen fronteira.

Daquela había signos de apertura cultural co mundo kurdo, hoxe non sei. Pero obviamente todo o que teña ollos e saiba das implicacións turcas no conflito sirio ou das súas afables relacións e investimentos económicos no Kurdistán iraquí ou cos importantes pobos turcófonos de Centroasia, sabe que é un sitio ben distinto a Europa occidental e a principal bisagra sobre a que xirou sempre a relación Oriente – Occidente; por iso comparte almas e sensibilidades. E pode que haxa que ver estas cousas con distancia, comprensión e interese interesado. Parece unha barbaridade vista desde os nosos ollos a reinstauración da pena de morte, por exemplo... Pero países tan “nosos” como a capitalista EEUU ou a “comunista” China, ou a islamista radical Arabia Saudí, téñena en activo e non hai conflito diplomático. E non teño dubidas de que se en Europa se lle pregunta aos cidadáns se aplicarían a pena capital aos causantes de matanzas como as dos 11 M, o Bataclán, Niza, o asasinato dos coptos nas praias libias, ou crimes como o de Marta del Castillo ou semellantes, o apoio sería importante. E, creo, esa opinión non descualificaría aos individuos que a mantivesen. E menos nun lugar no que o terrorismo lles está acabando co turismo e coa proximidade a Europa.

O enfriamento das tensións turco-rusas e a reasunción de relacións con Israel falan da plasticidade e practicidade da política exterior turca. Canto máis enfrontamento directo manteña Europa con Erdogán máis se afastará o país dos modos de Occidente. E a Europa non lle interesa. Creo. Pero, como lles dicía ao principio, é todo dificilísimo.
 

Te puede interesar