Opinión

Pagar nas autovías?

Non lles é unha cuestión simple, desde logo. É digna de ser tratada sen a paixón que tanto encrecha o ambiente político. Vamos ver. A cousa tira a simple. O Estado -ou sexa, querido lector, vostede, eu e o meu e o seu veciño- vai quedar endebedado ata as orellas, por mor da pandemia. Si. Hai que empezar a escribila en maiúscula porque non é unha calquera. Igualiño que cando dicimos: “Na Península hai dous Estados, España e Portugal”. En fin, que imos quedar arruinados, en vellísima expresión galaica “a rape roer”, e que non se refería ao peixe que chamamos rabada ou peixesapo, senón a esa cousa en po que metían polo nariz (moito antes dos pauciños PCR) que era signo de distinción porque seica facía espirrar con elegancia -cousa difícil-, só ós homes nobres.

En fin, que o Estado deberá pactar medidas para arrapañar cartos onde os haxa -digamos Europa- para poder seguir da mellor maneira posible co xeneroso estado de benestar no que vivimos. Pero eses cartos, ollo, haberá que devolvelos. E o tema hai que miralo de fronte, sen demagoxias ou traparratrás insolidarios que fai que tendamos a non asumir nunca responsabilidades horizontais. Non existen solucións fáciles para problemas difíciles. Precísanse solucións elaboradas e pactadas por fortes maiorías sistémicas, sabendo que as unanimidades, desde a desaparición do bloque comunista (que Deus haxa) á penas existen.

Ben. Cando un vai ao aeroporto de Porto, pode optar ir por dentro -pola Autopista A-3- ou pola costa -pola autovía A-28-. Se vai e volve por dentro, paga 18,50; se fai o mesmo pola costa, paga 9,10. Escolla. Tamén poden ir, sen peaxe ningún, a través de estradas secundarias, (por Bande, Lindoso, Braga, etc.) que percorren fermosísimas paisaxes pero auténticos purgatorios para o condutor. Como ir a Coruña por Melide.

Si. Peaxes brandas. Moitos usuarios entendemos que pagar pequenas taxas por beneficiármonos de vías de alta capacidade é correcto. Parece razoable que a frota Seur, por exemplo, contribúa ao sostemento da autovía Vigo-Madrid máis cá señora Nemesia de Abruciños, de 98 anos que nin ten coche nin, seica, carné. Ou máis ca min que a última vez fun hai dous anos ó cumpreanos de Conchita Goyache. En fin, a cousa creo que está feita, a decisión tomada e é entendible pola maioría. Pagar dous ou tres euros por ir a Vigo, ou cinco ou seis por ir a Madrid, eu véxoo razoable. Agora o tema xa é simple: cómo e cánto. Será con “arcos” -son moi afeccionados a eles xa nas festas- como en Portugal? Será con pegatinas anuais como Suíza ou Austria? E canto? Hai tres cifras na mesa. O Goberno fala dun céntimo quilómetro. A Asociación de Empresas de Conservación de Infraestruturas, de entre 3 e 5 cts./km. E os da patronal da Asociación de Empresas Constructoras y Concesionarias de Infraestructuras, di que 9 para os coches e 19 para os camións. En fin, especialistas hainos, pero, de partida, paréceme que o céntimo non dá nin para manter o sistema, sexan arcos, pegatas ou cabinas. (A declaración da Xunta sobre o traspaso da AP-9 vinculando o xeito de traspaso, ben dotado, á gratuidade futura, enténdoo neste contexto no que estamos. Ou sexa, onde dixen “digo” debo dicir, dadas as circunstancias, “bocadillo de calamares”.) En fin, o futuro pinta con máis transporte público e menos privado. E non parece mala cousa.

Te puede interesar